A Concellería de Deportes e os equipos da cidade acordan manter as instalacións deportivas municipais pechadas durante o mes de xuño

121
  • Os clubs coinciden con Tino Fernández en que, coas EDM rematadas e as competicións paradas, “sería temerario e imprudente asumir o risco de abrir instalacións que non son necesarias”
  • O Servizo de Deportes desenvolverá protocolos “para aqueles casos excepcionais que así o requiran”, como o deseñado para que o Leis 26 FS poida empregar o Pavillón Multiúsos da Xunqueira

As instalacións deportivas municipais permanecerán pechadas durante o mes de xuño. Así o acordaron o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e os clubs de Pontevedra nunha recente reunión telemática na que participaron responsables técnicos e directivos de máis de 40 equipos da cidade e o xefe do Servizo de Deportes, Jaime Agulló. O tenente de alcalde considera que, coas Escolas Deportivas Municipais (EDM) rematadas e as competicións paradas, “sería temerario e imprudente asumir o risco de abrir instalacións que nestes momentos non son necesarias”, unha postura que os clubs comparten e que asumen como a máis axeitada “ata que a situación ofreza máis garantías”.

Non obstante, o edil socialista subliña que o seu departamento ten “todo previsto”, contando con protocolos de prevención e seguridade contra a Covid-19 e estando en disposición de facilitar as instalacións “no caso de que sexan requiridas”. Segundo aclara Tino Fernández, a Concellería de Deportes desenvolverá os seus protocolos “para aqueles casos excepcionais que así o requiran”, tal e como aconteceu co deseñado para que o Leis 26 FS poida preparar o play off de ascenso a Segunda División masculina no Pavillón Multiúsos da Xunqueira.

En base ao protocolo establecido para o Leis, os distintos espazos deportivos, auxiliares ou complementarios do Multiúsos só poderán ser usados, previa autorización, e sen superar o aforo disposto en cada momento (de 20 persoas nas pistas polideportivas, 10 no ximnasio e 4 nos vestiarios), gardando sempre a distancia física entre persoas de 2 metros establecida polas autoridades sanitarias, que inicialmente son os seguintes. Non se pode facer uso das bancadas e do elevador e tódolos membros do club deben usar máscara, agás os deportistas no momento de desenvolvemento da sesión de adestramento.

O Complexo de Campolongo podería reabrir o 22 de xuño

No que atinxe á situación do Complexo Deportivo de Campolongo, a empresa Serviocio BeOne solicitou onte formalmente por Rexistro a autorización para a reapertura das instalacións, presentando ademais os correspondentes protocolos de seguridade e prevención contra a Covid-19. Dado que o contrato se atopa actualmente suspendido, unha vez que os servizos técnicos examinen os protocolos e ratifiquen que se axustan á normativa de protección contra o coronavirus, a petición deberá pasar obrigatoriamente por Xunta de Goberno Local. “A idea -avanza Tino Fernández- é que o Complexo de Campolongo poida abrir as súas portas ao público en torno ao día 22 de xuño, pero de momento non podemos dar unha data exacta”.