“Morquecho 2000-2020” será a volta á actividade expositiva na Sala do Pazo da Cultura de Pontevedra

72
  • A mostra con máis de 150 orixinais do artista pontevedrés José Ramón Morquecho botará a andar o 25 de xuño e permanecerá instalada ata o 27 de setembro
  • A entrada é de balde no horario habitual de apertura de martes a venres de 18 a 21h. Sábados de 12 a 14h. e de 18 a 21h, domingos de 12 a 14 e luns, pechado.

Esta mañá a concelleira de Cultura Carme Fouces presentou a mostra coa que o Pazo da Cultura reanudará a súa actividade expositiva e que “como non podía ser doutro xeito, nunha aposta polo talento do país, estará en mans do artista pontevedrés José Ramón Morquecho. É unha mostra na que levamos moito tempo traballando, que conta con máis de 150 pezas  – algunhas pertencentes a coleccións privadas – de gran formato aínda que imos atopar de todos os tamaños, dunha variedade cromática riquísima que reflicte o seu percorrido vital e as súas viaxes. É un plan magnífico para este verán “novo” que nos vai cargar as pilas logo das circunstancias tan especiais que vivimos e que poderedes visitar do 25 de xuño ao 27 de setembro”.

Tal e como apuntaba a comisaria, Eva Morquecho, a mostra “Morquecho 2000-2020” ten como fío conductor a querenza do pintor por plasmar o percorrido ao longo destes últimos 20 anos, a partir das viaxes levadas a cabo por diversos países, Vermont (USA), Marrocos , Finlandia, e mesmo a súa estadía de dous anos en Berlín”. Todas elas plasmadas como o propio artista afirmaba, con “moita intensidade. Esa intensidade é a miña característica principal e a miña linguaxe é a cor. É moi importante para min expoñer en Pontevedra, aínda que é unha magoa que meus pais non chegaran a gozar deste evento”.

O percorrido da exposición non vai estar dividido por series (exceptuando unha serie de tintas) nin delimitada por anos. O artista non busca seguir unha orde cronolóxica precisa, senón mostrar as obras deste período de tempo de maneira global, e que o espectador indague, dialogue, se sumerxa na obra dun xeito natural, sen seguir un percorrido concreto. A obra irá acompañada con poemas e fragmentos de textos escritos sobre a súa obra, que describen o seu traballo e a súa relación coa natureza.

O visitante poderá achegarse e disfrutar da evolución plástica e cromática de Morquecho, onde parte do expresionismo e chega case á abstracción en moitas das obras, utilizando grandes masas de color, case planas, sempre sen buscar un efectismo gratuito, nas que un se mergulla e se funde coa paisaxe.

A entrada é de balde no horario habitual de apertura de martes a venres de 18 a 21h. Sábados de 12 a 14h. e de 18 a 21h, domingos de 12 a 14 e luns, pechado.

Biografía

O pintor Morquecho nace en Salcedo, Pontevedra no ano 1946, no seno dunha familia numerosa, e foi educado entre pinceis, regras, cartabóns e compases do seu pai que, tanto pintaba, como tramaba planos. O seu bisavó tamén pintor, foi mestre de debuxo na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo de Santiago.

É un artista cunha longa traxectoria profesional, e o seu traballo mostrouse dentro e fora das nosas fronteiras tanto a nivel individual coma colectivo.

Así, expón por primeira vez a súa obra de forma individual na Galería de información e Turismo de Pontevedra no ano 1972, o ano seguinte no Museo Arqueolóxico de Ourense e no Ateneo Jovellanos de Gijón. Entre os anos 1976/79 realiza varias exposicións, as máis destacadas, na Galería Torrado de Pontevedra e na Galería Adro da Coruña. Nos anos oitenta expón na Galería Sargadelos, Galería Hidea e Casa da Parra de Santiago de Compostela, na Galería Torrado e Galería Lola Durán de Pontevedra, entre outras. Nos noventa podemos destacar as súas mostras, tamén individuais, no Centro de Arte Serrano 141 de Madrid, Galería Alameda de Vigo, Galería Jamete de Cuenca e Galería Visol de Ourense.

Xa nesta última década cabe nomear as exposicións da Fundación Antonio Pérez de Cuenca, Fundación Feima de Arte Galega de Madrid, Galería Claustro de Segovia, Oruga Azul, espacio de Arte de Valencia, Galería Metro de Santiago de Compostela, Pazo de Torrado de Cambados e Nemonon, Espazo multidisciplinar de Pontevedra.

Así mesmo colaborou en numerosas mostras colectivas, coma na Casa da Parra, Auditorio de Galicia, Museo do Pobo Galego en Santiago e na Casa das Artes de Vigo. Colaborou como ilustrador nun amplo número de revistas e publicacións como Luces de Galicia, Dorna, Natureza Galega, Adega… e libros como “…al remontar el vuelo” de M. Montero Lobo.

Ao longo da súa dilatada carreira foi seleccionado para participar en varios certámenes e concursos: Bienal Internacional de Arte de Pontevedra (1974 e 1980), Gran Premio de Pintura Francisco Gil de Salamanca (1975 e 1977), XIV Festival Interceltique de Lorient en Francia (1984), Certame “Becas e adquisicións da Xunta de Galicia” do Kiosco Alfonso da Coruña (1986), Certame de Pintura Xoven Galega. Galería Adro (Primeiro Premio), Mostra de Arte Xove de Santiago de Compostela (1997), V Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo, da Deputación da Coruña (1998) e IV Salón de Outono. Deputación da Coruña (Primeiro premio). Partipou en varias Feiras Internacionais de Arte coa Galería Metro de Santiago, Art-Madrid. Feira internacional de arte contemporánea. Madrid, DeArte. Feira internacional de arte contemporánea. Madrid e Puro Arte. Feira internacional de arte contemporánea. Vigo.

A súa obra atópase en numerosas coleccións públicas e privadas: Museo Quiñones de León de Vigo. Fundación Abanca. Fundación Antonio Pérez. Deputación de Cuenca. Real Academia de Belas Artes “Nuestra Señora del Rosario”. A Coruña. Nova Galicia Edicións, S.L. Vigo. Museo da Fundación “Francisco Gil”. Salamanca. Museo Arqueolóxico. Ourense. Facultades Ciencias Económicas da USC e UdC. Colección Xunta de Galicia. Centro de Transfusións de Galicia. Santiago de Compostela. Instituto Valle-Inclán. Pontevedra. Colección Concello de Santiago de Compostela. Colección Edicións Hércules. A Coruña. Coleccións privadas.

“A importancia da natureza na miña pintura é fundamental. A miña paisaxe é un estudo de convivencia e experiencias profundas con ela e de ela. Non podería concibir as miñas obras se non estivesen impregnadas pola humidade do musgo ou a intensidade desas follas douradas, case transparentes, do outono. Nin eses verdes e amarelos deslumbrantes tocándose cos lilas na primavera, a non ser, porque me mergullo nas súas entrañas formando parte dela, falando con ela, respirando e comendo con ela, ata o extremo dunha simbiose perfecta. É entón, cando brota de min cunha forza inusual, cando as miñas veas arrastran eses ríos de cores, e a miña man desborda a tempestade nese lenzo branco, de liño ou algodón, que vai transformándose e volve ás súas orixes.” J. Ramón Morquecho.