Paloma Castro reclámalle á Xunta que dote aos centros de día de Amencer, Juan XXIII, Xuntos e Amizade do material e a formación necesarios

13
  • A edil de Benestar Social urxe o envío dos elementos de protección comprometidos e considera “un brinde ao sol” que o PP se limite a ofrecerlles un curso de hora e media para o persoal

A concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, reclámalle á Xunta que dote aos centros de día e ocupacionais dos colectivos de asistencia a persoas con diversidade funcional de Pontevedra “do material de protección necesario para desempeñar o seu labor” e úrxelle que forme axeitadamente ao seu persoal “para que poida afrontar unha situación moi complexa”. A edil socialista lembra que os centros de Amencer-Aspace, Juan XXIII, Down Xuntos Galicia e Amizade comezarán a funcionar de novo con cita previa para realizar terapias individuais o vindeiro luns 15 de xuño, “e o único que Feijóo lles ofreceu ás asociacións ata a data é un curso formativo de tres días e hora e media de duración en total”. “Paréceme un brinde ao sol, tendo en conta as necesidades específicas dos seus usuarios e as dificultades extra que supón o seu coidado e atención neste escenario”, sostén.

Estas valoracións foron efectuadas por Castro tras un encontro telemático con Mónica Touriño, de Amencer; Nuria Luque, da Asociación Juan XXIII; Paulo Fontán, de Amizade, e Manuel Pérez Cabo, de Down Xuntos. Os colectivos sociais transmitíronlle á concelleira a difícil situación que viviron durante esta pandemia, véndose obrigados a pechar os seus centros de día (tamén o ocupacional, como o de Juan XXIII) durante estes tres meses, o que supuxo un retroceso para os usuarios e para as terapias que viñan desenvolvendo. 

A edil de Benestar Social subliña o encomiable esforzo realizado por estes colectivos “mesmo nun contexto tan complicado, prestando apoio psicolóxico de xeito telemático e, no caso de Amencer, con axudas de carácter técnico, trasladando aos fogares elevadores, andadores e outros elementos destinados a facilitar a mobilidade e a boa posición corporal dos usuarios”. Tal e como lle trasladaron a Castro as asociacións, a desescalada está a resultar difícil, xa que as entidades están a levar a cabo grandes investimentos para adaptar os centros á nova situación e terán que enfocarse especialmente en dotar ao seu persoal da formación necesaria.

“Non chega con adaptar os espazos, senón que tamén hai que formar aos profesionais que alí traballan. A Xunta comprometeuse a elaborar un protocolo sanitario xenérico, que logo as asociacións deberán adaptar, e a partir do luns vai impartir un curso de tres días e media hora de duración por sesión (hora e media en total) para o persoal. Agardo que non nos deixen abandonados unha vez máis e deseñen un programa de formación serio, porque os centros queren abrir con normalidade a partir do 1 de setembro”, afirma a socialista.

Asemade, a edil agarda que o Goberno ‘popular’ “non faga o rácano co material de protección que lles prometeu aos colectivos e os envíe canto antes”, xa que “resultan esenciais para que profesionais e usuarios poidan interactuar con seguridade”.