Iván Puentes asegura que ningún ganso do Nilo será sacrificado e que os 14 exemplares de Pontevedra terán un novo fogar no parque ornitolóxico Avifauna de Lugo

196
  • O edil de Desenvolvemento Sostible lembra que a Administración autonómica instou en marzo a retirar esta especie invasora, “moi perigosa para a subsistencia das aves autóctonas”
  • Puentes agradece a colaboración do Servizo de Conservación da Natureza da Xunta, que está a axilizar ao máximo as xestións para que as 14 aves sexan aloxadas nas instalacións de Outeiro de Rei 

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, acaba de recibir a confirmación de que o centro zoolóxico ornitolóxico Avifauna, situado no municipio lucense de Outeiro de Rei, acollerá aos 14 gansos do Nilo que retirará a empresa Larus Control dos espazos naturais de Pontevedra. O edil socialista agradece a boa disposición do Servizo de Conservación da Natureza da Xunta, “que xa está a realizar as xestións para que as aves exóticas poidan ser trasladadas a este parque de conservación da natureza”. “Avifauna asegura que ten capacidade para todos eles nas súas instalacións, polo que, tal e como avanzamos, estarán nas mellores condicións posibles”, sinala.

Puentes lembra que foi o Servizo de Patrimonio Natural da Xunta o que instou en marzo ao Concello a eliminar esta especie invasora, “moi perigosa para a subsistencia doutras autóctonas”, e que existen unha serie de instrucións e directivas europeas, estatais e autonómicas “que o Goberno municipal comparte e que obrigan a retirar estes exemplares dos ríos de toda Europa”. “Son unha especie exótica e invasora -insiste-, especialmente territorial, e que, ao igual que outras especies invasoras como a velutina ou o cangrexo americano que temos na Xunqueira de Alba, están a destruír os ecosistemas propios de Galicia e a aniquilar outras especies autóctonas como os patos do país, que habitualmente vemos nos nosos ríos, ademais de esquilmar determinadas especies piscícolas e de ser fonte de transmisión de enfermidades como a gripe aviar (caso dos gansos) e dun sinfín de problemas”.

Tal e como sinala Iván Puentes, a empresa Larus Control “ten a obriga de levar os exemplares a un centro da súa propiedade e de desparasitalos, e o que aconteza con eles a partir de aí depende da autorización que nos dea a Xunta de Galicia, que é administración competente para decidir que se fai con esta fauna invasora”. Neste sentido, subliña que os controis se realizan “para evitar que se sigan estendendo e que teñamos aquí os problemas que xa se están a producir no Norte e no Centro de Europa (a súa taxa de crecemento anual sitúase en Holanda nun 28% dende o seu establecemento nas zonas silvestres en 1999)”.

“Para ter estes animais en instalacións privadas -apunta- é necesario contar con autorización expresa da Xunta e iso é o que estivemos arranxando, con moi boa predisposición da Consellería de Medio Ambiente, que finalmente lles atopou un lugar no que, vixiados, controlados e evitando que se reproduzan e escapen de novo cara os espazos naturais, poderán completar o seu ciclo vital e non serán sacrificados”.