O Concello completa a canalización da rede de abastecemento de Marcón

22
  • A Xunta de Goberno local vén de aprobar a canalización nos lugares da parroquia que faltaban: Ría de Abaixo, Albeiro, Marcón e Vilafranca
  • Neste momento, no termo municipal, hai obras de abastecemento de auga en execución por valor de 35 millóns de euros

A concelleira responsable do Ciclo da Auga, Carme da Silva, anunciou esta mañá que a Xunta de Goberno local vén de dar luz verde á amplicación da rede de abastecemento de Marcón que inclúe os lugares desta parroquia que faltaban, Ría de Abaixo, Albeiro, Marcón e Vilafranca, máis o lugar de Moldes en Mourente. O importe desta obra ascende a 551.366,29 euros. 

Da Silva indicou que con este proxecto, que se une a outro que xa estaba anteriormente aprobado, cúbrese practicamente o 100% do servizo de abastecemento de auga na parroquia de Marcón. A concelleira tamén lembrou que neste momento, en todo o termo municipal, hai obras de abastecemento de auga en execución por valor de 35 millóns de euros, o que supón “un salto cualitativo e cuantitativo importantísimo para dar servizo a toda a poboación”.

No relativo ao Ciclo da Auga, tamén anunciou que desde a Concellaría que xestiona se está rematando o estudo do seguimento de eficacia do servizo correspondente ao ano 2019. En espera de facer públicos os datos definitivos, adiantou que ” todo apunta a que temos un servizo enormemente eficaz, cunha porcentaxe de fugas do 3,4%,que é unha cantidade moi difícil baixar, pero aínda así seguimos traballando para melloralo”.