Comeza a reforma do novo Local social dos Campos

14
  • A empresa adxudicataria, Prace, traballa na desmontaxe da cuberta.
  • A obra ten un orzamento de 471.000 euros e un prazo de execución de 5 meses.

O Concello de Pontevedra iniciou esta semana as obras de remodelación da antiga escola unitaria dos Campos para transformala no novo Local social de Mourente. Estas novas dependencias municipais deberan estar rematadas no prazo de 5 meses, tal e como consta na licitación da obra, adxudicada á empresa Prace por 471.248 euros.

Nesta mañá, operarios da empresa traballan con equipos de seguridade para a desmontaxe da cuberta do edificio, que xa está totalmente baleirado. 

O edificio da antiga escola dos Campos son dúas estruturas distintas e construídas a distintas alturas: a casa dos mestres e a escola, coas que se fará unha gran aula. Estará separada por portas abatibles e un corredor polo medio que servirá de conexión entre ambos lados do edificio. 

No caso de ser preciso retíranse as portas e créase unha gran aula, ou ben dúas estancias independentes. En todo caso, está pensada para facer distintas actividades como cociña, conferencias, exposicións… Tamén haberá unha dotación de oficinas e almacén, e farase un módulo de baños fóra do edificio pero conectado con el cun corredor acristalado. 

Finalmente, o edificio complétase cun bancada exterior para facer actividades ao aire libre, xa que tamén está previsto o acondicionamento da contorna. 

O inmoble ten unha superficie construída de 263 metros cadrados.

Este proxecto está financiado con cargo aos convenios anuais asinados coa Deputación provincial que achega o 90% do custe da obra, e o Concello o resto, ademais da redacción do proxecto, tramitación e execución da reforma.

O núcleo de centralidade dos Campos

O Local social dos Campos integra o novo núcleo de centralidade parroquial de Mourente xunto á reforma do segundo edificio público do lugar onde se situará as oficinas do Grupo de Desenvolvemento Rural de Pontevedra (GDR) que xestiona neste momento os fondos Leader Pontevedra-Morrazo. A remodelación deste edificio está en plena fase de adxudicación cun orzamento de 373.964,64 euros.

O terceiro proxecto da centralidade dos Campos é a vía que une Tafisa cos Campos, un proxecto que xa está en marcha coa roza de toda a traza da vía. Adxudicado á empresa Ramírez ten un orzamento de 1.441.906,26 euros, dos cales 439.393,50 euros corresponden coas expropiacións.

En total, case 2,3 millóns de euros que se executarán ao longo deste ano e do vindeiro na parroquia de Mourente.