O Concello colabora co programa de urxencia alimentaria nos campos de refuxiados de Tindouf

44
  • Aínda que a pandemia da Covid-19 impide o traslado de cativos e cativas para pasar o verán en Galiza, o Concello mantén a achega de 6.000 euros atendendo ao chamamento das ONGs internacionais que advirten dun serio deterioro da situación humanitaria na zona.

O Concello de Pontevedra, a través da Alcaldía, vén de renovar a colaboración anual que mantén coa entidade Solidaridade Galega co Pobo Saharaui, encargada de traer aos cativos e cativas saharauis para que pasen o verán en Pontevedra. Nesta ocasión, e debido á emerxencia sanitaria da Covid-19, resulta inviable este traslado, pero o Concello quere manter esta colaboración achegando 6.000 euros ao seu programa de “Urxencia alimentaria nos campos de refuxiados saharauis en Tindouf”.

O obxectivo deste convenio é apoiar á canastra básica dos campamentos de refuxiados cubrindo o déficit existente en arroz, aceite, azucre, legumes,… e os almorzos nas escolas dos campamentos.

Como recolle a propia solicitude de Solidaridade Galega do Pobo Saharaui, o pasado 19 de abril de 2020, as organizacións humanitarias internacionais que operan nos campamentos de refuxiados saharauis, especialmente ACNUR, o PMA, UNICEF e cinco ONG internacionais (Oxfam, CISP, Médicos do Mundo, MPDL e SIA), emitiron un chamamento conxunto para solicitar aos donantes que realicen contribucións e donacións para evitar un maior deterioro na situación humanitaria, especialmente porque a taxa de anemia entre mulleres, embarazadas e nais lactantes aumentou ata superar o 73%, e respecto á porcentaxe de malnutrición entre os nenos menores de cinco anos, aproxímase ao 25%. Tamén se rexistra unha alta porcentaxe de persoas con diabetes e problemas na presión sanguínea arterial. 

O valor das necesidades urxentes nos sectores básicos (auga e higiene, saúde, nutrición, educación e protección) para os refuxiados saharauis en Arxelia estímase, aproximadamente, en 14 millóns de euros. 

En canto aos residentes dos Territorios Liberados da República Saharaui, cuxa poboación supera as 60.000 persoas, o impacto da crise da Covid-19 é claramente visible. A unha situación xa difícil, súmanse as repercusións negativas da seca que afecta a zona nos dous últimos anos, especialmente porque, para cubrir as súas necesidades dependen da cría do gando e dos intercambios comerciais coas zonas fronterizas dos países veciños que foron pechadas para evitar a transmisión da epidemia. As necesidades urxentes desta poboación estímanse en 5 millóns de euros. 

Para poder conter os efectos negativos da Covid-19, a Media Lúa Vermella Saharaui (MLRS) apela aos países donantes para que aceleren a provisión de contribucións urxentes aos refuxiados saharauis e apoien os esforzos levados a cabo polas axencias das Nacións Unidas e das ONG internacionais que operan nos campamentos de refuxiados saharauis, ademais de dar prioridade aos sectores que salvan vidas, especialmente o sector da seguridade alimentaria.