O Teatro Principal reanuda a súa actividade coa proxección do Doc do mes “Cachada” o vindeiro martes 23 ás 19:30h.

42
  • O documental de Marlén Viñayo sobre o poder do teatro fronte ao ciclo da violencia, narra a historia de varias mulleres salvadoreñas adicadas á venda ambulante.
  • O martes 30 tamén as 19:30h. será a quenda do filme “Déixame saír” de Jordan Peele
  • Ambas proxeccións terán entrada libre ata completar o aforo – reducido por mor da situación actual – e contarán con todos os protocolos e medidas sanitarias para a seguridade do público

Logo do parón provocado pola Alerta Sanitaria da COVID19 o vindeiro martes 23 ás 19:30h. o Teatro Principal de Pontevedra reanudará a súa actividade. Farao baixo todas as medidas e protocolos para a seguidade dos/as asistentes, que inclúen entre outras, a reducción do aforo e a distancia entre o público.

O ciclo Docs do mes será o escollido para esta primeira proxección e achegará, con entrada libre como vén sendo habitual, o documental “Cachada” de Marlén Viñayo (León, 1987)

Sinopse: O ciclo da violencia é perverso, pero a forza do teatro é máis poderosa. Cinco vendedoras ambulantes do Salvador expoñen as súas vidas nun taller de teatro. Alá falan sobre as súas vivencias nos mercados e nos seus fogares, feito que lles permite revivir os traumas que sufriron ao longo da súa vida. A través deste experimento liderado pola profesora Egly Larreynaga, estas mulleres – Magaly, Magda, Ruth, Chileno e Wendy– viven unha transformación profunda que lles permitirá descubrir a súa propia voz e darse conta dos efectos que provocou nelas e nos seus fillos a realidade violenta e machista que as rodea. A través dos ensaios, esas mulleres solteiras e traballadoras serán conscientes de que o ciclo da violencia reprodúcese con facilidade en ambientes onde os fillos crecen sen asimilar a dor do pasado. Despois de crear unha pequena compañía chamada “A Cachada Teatro”, aceptan o reto de crear unha obra profesional interpretándose a elas mesmas para explicar as súas historias e experiencias vitais. Un proceso catártico, sincero e liberador que reflicte a valentía desas mulleres para afrontar o seu pasado e os segredos máis profundos cunha xenerosidade esperanzadora.

O seguinte martes no mesmo horario, ás 19:30h. terá lugar o filme “Déixame saír” de Jordan Peele que, gañadora dos premios Óscar e Bafta ao mellor guión orixinal e Globo de Oro á mellor película de comedia en 2017, mestura  thriller e humor.

Está prevista no mes de xullo a volta do Cineclube,  que xa traballa na súa programación.