A programación de verán comeza o vindeiro luns co FLOP Cinema

49
  • Terá lugar na praza da Pedreira, a partires das 22:30h, e o aforo estará limitado atendendo ás distancias e medidas de seguridade esixidas
  • Proxectaranse catro longametraxes e cinco curtas, seleccionadas en colaboración con Avante Pontevedra, Novos Cinemas, Cineclube Pontevedra e FIC Bueu

O FLOP Cinema será a primeira actividade da programación de verán da Concellaría de Festas e Dinamización Sociocultural que se faga este ano. O cartel foi presentado esta mañá pola concelleira Carme da Silva e por representantes dos catro colectivos que colaboran na selección de filmes, Olalla Márquez do Cineclub Pontevedra, María Ruíz-Falcó do FIC Bueu, e Suso Novás en representación de Novos Cinemase e de Avante Pontevedra.

Carme da Silva lembrou que este festival, que acada este ano a cuarta edición, “nace para visibilizar a diversidade sexual e de xénero, porque pensamos que o cine é un instrumento moi importante dentro das distintas expresións artísticas para contar historias e para crear referentes a nivel internacional e a nivel galego”. 

As proxeccións terán lugar, desde o luns 29 de xuño ata o venres 3 de xullo, na praza da Pedreira a partires das 22:30h e o aforo estará limitado atendendo ás distancias e medidas de seguridade esixidas por mor da crise sanitaria. 

O luns exhibirase o documental ‘Noite Irisada’, que recolle o relato histórico da loita do colectivo LGTBIQ+ en Galicia desde os borrados e falsificacións de xénero nas cantigas medievais ata a actualidade cos riscos latentes de involución. Está prevista, ademais, a presenza de Beatriz Vázquez, directora do filme e Nanina Santos, escritora, integrante do consello de redacción da revista de pensamento feminista Andaina, e figura histórica do movemento feminista galego.

O martes e a proposta do cineclube de Pontevedra, proxectarase ‘Tongues United’, un filme documental estadounidense dirixido por Marlon Riggs sobre a identidade afroamericana e gay que reivindica o amor entre homes negros como un acto revolucionario. Convertido xa nun clásico da non-ficción contemporánea pola súa estrutura complexa, o uso de actores e de material de arquivo, a inclusión de poemas recitados polo poeta Essex Hemphill e fragmentos autobiográficos do director. A película foi obxecto de numerosos ataques no congreso dos Estados Unidos e censurado no seu momento pola televisión pública americana.

O mércores e a proposta do Festival Internacional de Curtametraxes, FIC Bueu proxectarase a seguinte selección de curtas diversas: 

– ‘In a hearbeat’, filme animado mexicano dirixido por Esteban Bravo e Beth David que narra a historia de Sherwin, un tímido rapaz pelirroxo que espera a chegada á escola do guapo Jonathan.

– ‘Fumando espero’, curtametraxe galega dirixida por J.A. Blanco que fala da historia de Xosé Luis e Manuel, dous amigos de mediana idade que levan 10 anos separados. Un día antes da final da Champions League, aproveitando que a familia vai pasar uns días fóra, Xosé Luis chama a Manuel para ir cear e retomar a súa amizade.

-‘Prisioner of society’, curtametraxe documental xeorxiana dirixida por Rati Tsiteladze nominada como mellor curtametraxe nos 31º European Film Awards, gañador do premio a mellor documental nos Premios da Academia Tampere FF e eloxiado polo xurado da Seminci por ser capaz de reflectir a complexa historia da vida e lembrarnos que todos somos prisioneiros dos nosos prexuízos e da nosa ignorancia. Unha viaxe íntima á mente dunha xove muller transxénero que estivo apartada do mundo exterior durante os últimos dez anos.

– ‘Yulia and Juliet’, curtametraxe holandesa dirixida por Zara Dwinger que narra a historia de dúas rapazas que encontran consolo no amor mutuo nun centro para delincuentes xuvenís. Cando se produce a liberación dunha delas, non saben como afrontar esta situación e ambas procuran unha solución con consecuencias tráxicas. Unha historia de amor contemporánea baseada nos motivos de Romeo e Xulieta de Shakespeare.

– ‘O orfao’, curtametraxe brasileira dirixida por Carolina Markowicz que narra a historia de Jonathas, un meniño orfo que é adoptado por unha familia e devolto ao orfanato coa excusa de que é demasiado afeminado. Baseado en feitos reais.

O xoves e a proposta da asociación Avante Pontevedra proxectarase a cinta ‘The handmaiden’ (A doncela), filme coreano multi premiado dirixido por Park Chan-wook que narra unha historia ambientada na Corea da década de 1930, durante a colonización xaponesa. Unha xoven, Sookee, é contratada por unha rica muller xaponesa, Hideko, que vive recluída nunha gran mansión baixo a influencia dun tirano. Sookee garda un segredo, e coa axuda dun estafador faise pasar por un conde xaponés que planea algo para Hideko.

O venres e a proposta do Festival Novos Cinemas de Pontevedra proxectarase ‘C.R.A.Z.Y.’, un filme canadense multipremiado dirixido por Jean-Marc Vallée. Un drama familiar que narra a historia de Zach, un rapaz que ao entrar na adolescencia descobre que é diferente aos demais e opta por reprimir as súas tendencias máis fondas para non perder o amor do seu pai. Entre 1960 e 1980, vive rodeado dos seus irmáns, de Pink Floyd e dos Rolling Stones, os porros fumados ás agachadas e as grandes e pequenas discusións. Pero, sobre todo, o que Zach procura é manter a relación co seu pai.