A praia fluvial do Lérez estrea a súa nova imaxe Verde Urbano no posto de socorristas, a caseta dos baños e a nova cartelería e sinaléctica do areal

31
  • A Concellería de Desenvolvemento Sostible efectuou traballos de sega e limpeza, vén de instalar o balizamento da zona de baño e está a rematar a achega de 450 metros cúbicos de area
  • Coa incorporación do servizo de socorrismo a partir de mañá, a praia estará en condicións óptimas para o verán. As obras de mellora e posta a punto supuxeron un investimento de case 50.000 €

O posto de socorrismo acuático e a caseta dos baños da praia fluvial do Lérez foron obxectivo dunha intervención decorativa baseada na nova imaxe Verde Urbano, que tamén se reflicte nos paneis informativos do areal e baixo a que se engloba toda a rede de espazos naturais, xardíns e parques da cidade. O vistoso e colorista resultado estético desta acción foi supervisado esta mañá polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, nunha visita na que estivo acompañado polo alcalde en funcións, Tino Fernández; a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco; o xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán; e representantes da empresa EC Casas, que está a rematar as obras de achega de 450 metros cúbicos de area na praia.

A caseta que alberga o espazo destinado á cantina e aos tres baños foi decorado cun vinilo impreso de tons verdes composto por motivos ornamentais, o nome da praia e o logo turístico da cidade, que se está empregando por diversos servizos municipais relacionados coa promoción da capital. Ademais, inclúe os pictogramas de acceso aos retretes. 

O posto que acolle o servizo de socorrismo foi ‘customizado’ cos mesmos detalles decorativos, aproveitando os dous frontispicios que forman as augas do tellado. Exhibe os logos anteriores, o da Concellería de Desenvolvemento Sostible e un panel informativo no que se inclúen o plano da praia, as normas de uso e unha xanela de vidro para publicar cada día os datos do estado da auga en base á analítica realizada.

Na praia instaláronse recentemente dous paneis coas normas de uso do espazo, adaptadas á situación da nova normalidade. Entre outras novidades, o concelleiro Iván Puentes decidiu declarar o areal do Lérez “praia libre de fume”, unha medida de prevención adoptada ante o perigo de contaxio da Covid-19 “que supoñen os restos de saliva nas cabichas dos cigarros que se botan á area”.

O plano da caseta dos socorristas amosa a localización das duchas, os inodoros, a zona de baño delimitada polas boias e o propio posto de socorrismo. O novo panel informativo tamén ofrece datos de contacto sobre os servizos de Emerxencias 112 e mantemento e as cores (verde, amarela e vermella) que nos indicarán se o baño está permitido, prohibido ou debemos facelo con especial precaución.

Gañáronse uns metros de zona de baño

A praia fluvial tamén estreou hoxe o novo balizamento perimetral da área de baño, que este ano se retranqueou uns metros río adentro co obxectivo de que os bañistas dispoñan de suficiente espazo mesmo cando baixa a marea. “Reparáronse ou substituíronse as boias que se atopaban deterioradas e en malas condicións e gañouse zona de baño, xa que algunhas boias estaban practicamente sobre a area cando baixaba a altura do río”, sinalou Iván Puentes.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural indicou que o seu departamento investiu case 50.000 euros na mellora e posta a punto da praia do Lérez, nun paquete de actuacións e dotacións no que, ademais dos socorristas e o achega de area (executada pola firma EC Casas cun orzamento de 15.000 euros), se inclúen un zafarrancho de limpeza en profundidade e sega de herbas e a ampliación do servizo de desinfección e limpeza dos baños de dúas a catro quendas (cunha achega de 9.000 euros).

Boa parte do investimento, 18.123,53 euros, destinouse á contratación do servizo de socorrismo, que comezará a funcionar a partir de mañá e até o 31 de agosto. Dous profesionais da empresa Transgalaica SL encargaranse de velar pola seguridade dos bañistas e de atendelos ante calquera incidencia. Entre o 27 e o 30 de xuño haberá un socorrista de luns a domingo en horario de 12:30 a 20:30 horas e, do 1 de xullo ao 31 de agosto, prestarán xa servizo dous socorristas de luns a venres entre as 16:30 e as 20:30 horas e un de luns a domingo entre as 12:30 horas e as 16:30 horas.

Á marxe da renovación da caseta coa imaxe Verde Urbano e á rehabilitación das súas fachadas exteriores, o servizo de socorrismo tamén se verá mellorado nos vindeiros días coa instalación dunha cadeira de vixilancia (adquirida cunha achega de máis de 2.000 euros) e dun mastro, así como de bandeiras de cores, para sinalar se o baño se permite, debe facerse con precaución ou está prohibido.

A nova cartelería de Desenvolvemento Sostible deixa ben claro a través dun símbolo e unha mensaxe que nos atopamos nunha praia libre de fumes e, ademais, fai fincapé na necesidade de manter un comportamento cívico e un ambiente agradable, de falar, escoitar música ou radio cun volume baixo e de empregar as papeleiras para os refugallos.