O convenio urbanístico para abrir as parcelas de Defensa de Campolongo e Rosalía de Castro asinarase este ano

52
  • O Departamento que dirixe Xaquín Moreda está á espera de recibir informes de Defensa e de Naturgy para asinar o convenio e poder iniciar o proceso de aprobación que podería estar rematado a mediados do ano que vén.
  • No convenio o Concello recibe case 10.000 m2 de espazos públicos en Campolongo e case 4.000 m2 en Rosalía de Castro. Tamén obtén un local de 367 m2 en Campolongo, completa a rúa Tablada, adecenta a fachada da rúa Rosalía de Castro e crea unha praza entre esta rúa e Manuel del Palacio.

O departamento de Urbanismo do Concello de Pontevedra agarda os dous últimos informes (Ministerio de Defensa e Naturgy) para asinar o convenio que permitirá abrir as zonas verdes das parcelas militares de Defensa en Campolongo e Rosalía de Castro. O concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda explicou hoxe os prazos temporais cos que traballa a concellaría: poder asinar o convenio este ano e iniciar os trámites da aprobación para que estea listo para executar a mediados de 2021.

O Concello asinaría un convenio urbanístico co Instituto da Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (INVIED), cos seguintes acordos:

  • Na parcela de Campolongo (entre Fernández Ladreda e Xeneral Rubín)
    • A modificación do uso residencial da parcela de tal xeito que o INVIED poida vender aos inquilinos as súas vivendas, así como construír dous novos edificios previstos dentro da parcela, que lle permitirá crear estacionamento soterrado de uso privado dos residentes, xa que os edificios carecen del. Os edificios serían de baixo máis 6 alturas máis aproveitamento baixo cuberta cunha edificabilidade 2.873 metros cadrados.
    • Completar a rúa Tablada dándolle as aliñacións fixadas no Plan e dándolle saída cara María Victoria Moreno. 
    • A cesión de dunha vivenda e dun local do INVIED e a súa conexión, para convertelo en local municipal cunha superficie total de 367 metros cadrados.
    • A apertura a uso público do viario, das zonas verdes e dos espazos libres existentes neste complexo residencial cunha superficie total de 9.963,25 m2.
  • No ámbito de Mollavao (Manuel del Palacio con Rosalía de Castro) está previsto:
    • A creación dunha praza pública aberta cara Rosalía de Castro, coa posibilidade de conectala cara Manuel del Palacio. A superficie de uso público sería de 3.848,70 m2.
    • Derrube das edificacións actuais e permitir o aproveitamento de parte da parcela para a edificación dun edificio de baixo máis 5 e máis 6 pisos, que permitirá pechar a medianeira do edificio lindeiro cara Rosalía de Castro. A edificabilidade é de 1.596,21 m2
    • Recoñecer o uso educativo dunha porción de terreo, de aproximadamente, 116,37 metros cadrados, ocupado dende fai moito tempo polo centro de ensino lindeiro. 

Ademais dos acordos propiamente urbanísticos, a contía destinada á urbanización das dúas parcelas (que correría a cargo de Defensa) sería de 750.000 euros que se debera executar con anterioridade a que o Concello reciba e abra ao público as novas vías, prazas e zonas verdes, para que estes cumpran os estándares de calidade urbana municipais.