Ponteverán oferta preto de 400 prazas de ocio alternativo para a mocidade

1107
  • O prazo de inscrición permanece aberto desde hoxe e pode realizarse a través da web apuntate.pontevedra.gal
  • As actividades van dirixidas, preferentemente, a persoas con idades comprendidas entre os 5 e os 30 anos e residentes no Concello de Pontevedra

Ponteverán, o programa de ocio xuvenil para a mocidade durante o verán, tampouco se cancela. Anunciouno esta mañá o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, quen asegurou que “quixemos enmarcalo dentro da política do Concello de tratar de non cancelar as actividades que sexa posible, e de incentivar e promover a actividade cultural que é un dos grandes motores do país”. 

O que Oubiña denominou “esa terquedade de non cancelar”, permitirá ofrecer, un ano máis, alternativas de ocio xuvenil e favorecer espazos de socialización entre a mocidade, atendendo ao distanciamento social esixido nas circunstancias actuais. O prazo para inscribirse comeza hoxe e deberá realizarse a través da web apuntate.pontevedra.gal. Cada actividade está orientada a un rango específico de idade, que en conxunto abrangue desde os 5 aos 30 anos, e terán preferencia as persoas residentes no Concello de Pontevedra. En total, o número de prazas ofertadas está ao redor das 400 e o investimento neste programa ascende a 18.000 euros.

O concelleiro explicou que para asignar praza non primará a orde pre-inscrición senón se que cada persoa interesada poderá facer o número de solicitudes que desexe, mais a organización procurará unha asignación de prazas o máis equitativa posible para que ao menos cada neno ou nena, moza ou mozo participe nalgunha das actividades. De chegar o caso, e como último recurso, realizaranse sorteos de prazas. 

Nesta edición, e atendendo á situación sanitaria, estableceranse as normas de prevención e hixiene e distanciamento social, os grupos serán reducidos, priorizaranse actividades ao aire libre, e nas actividades que requiren desprazamento elimínase a opción do transporte colectivo. 

Ao igual que en anteriores edicións, todas as actividades son gratuítas e pretenden favorecer o desenvolvemento persoal das persoas participantes a través de valores positivos de inclusión, respecto, creatividade,  hixiene, esforzo e igualdade.



COMPARTIR