Concello e Afundación colaboran para cubrir as necesidades de alimentación dos menores de Pontevedra en situación vulnerable

60
  • O acordo de cooperación irá o luns a Xunta de Goberno para a súa aprobación e permitirá proporcionar ata 170 menús diarios, de luns a venres, a través do Programa de Intervención Social

A concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, levará o luns a Xunta de Goberno Local para a súa aprobación o convenio de colaboración entre o Concello de Pontevedra e Afundación para o desenvolvemento do Programa de Intervención Social posto en marcha pola institución privada co obxectivo de atender as necesidades de alimentación dos menores de idade en situacións de vulnerabilidade social e/ou risco de pobreza. En base a este acordo, a Obra Social de Abanca proporcionará de xeito gratuíto ata 170 menús escolares diarios, de luns a venres, nos puntos de distribución física que ambas partes establezan.

Tal e como constata a edil de Benestar Social, o Programa de Intervención Social de Afundación pretende dar resposta “á realidade derivada da crise da Covid-19 e ao agravamento das situacións de vulnerabilidade e risco de pobreza, particularmente das familias con menores ao seu cargo, subministrando menús a este colectivo durante o período de verán”. “Agradecemos a iniciativa de Afundación para pechar este acordo de colaboración, que será tremendamente beneficioso para garantir que aos rapaces do municipio máis vulnerables non lles falte un prato de comida. O convenio terá vixencia entre o 1 de xullo e o 9 de setembro, coa posibilidade de prórroga”, subliña Castro.

Segundo establecen as súas cláusulas, aos Servizos Sociais do Concello correspóndelles facilitarlle a Afundación a información sobre o número de menús axeitados para fornecer diariamente, así como poñer a disposición da institución os puntos de distribución física. 

A Concellería de Benestar Social tamén colaborará no correcto desenvolvemento e execución do Programa, en particular coa/s empresa/s contratadas por Afundación, e encargarase de asignar un número personalizado a cada familia, de xeito que a Administración Local unicamente dará a coñecer ese número á firma xestora dos menús, non transmitíndose ningún dato de carácter persoal e garantíndose o anonimato das persoas usuarias.

Afundación porá os menús a disposición dos beneficiarios gratuitamente, conforme á información dos Servizos Sociais, nos puntos de distribución física que ambas partes concreten. Asemade, efectuará os labores de vixilancia e control dos menús escolares, garantindo a aplicación da normativa sanitaria vixente.