O 80% dos establecementos incluídos no plan experimental súmanse a Composta

34
  • Polo de agora, 187 establecementos aceptaron sumarse á iniciativa. O resto corresponden a 38 que xa reutilizan ou tratan os seus biorresiduos (para darllos a animais, por exemplo) e 9 decidiron quedar fóra.
  • Raimundo González destaca a elevada conciencia cidadá tanto pola participación no Plan, como polo compromiso xeral dos negocios na reutilización dos restos orgánicos, o 96% das visitas.

A acollida do Plan Composta entre o comercio e a restauración da cidade está sendo “un éxito” segundo confirmou o concelleiro responsable de Residuos, Raimundo González Carballo, logo de comprobar as últimas cifras da campaña de sensibilización que se puxo en marcha o pasado 15 de xuño. Practicamente o 80% dos establecementos visitados acolléronse de bo grao ao tratamentos dos restos orgánicos, e só 9 rexeitaron sumarse ao proxecto municipal que busca contribuír á mellora da calidade de vida da cidade.

Segundo dos datos da campaña, fixéronse 234 visitas até o 26 de xuño (en 9 días laborables) das cales 187 establecementos asinaron para formar parte do proxecto e 9 rexeitaron esta opción. Ademais, hai un número de comercios (especialmente froiterías e algún outro de alimentación) que declinaron participar porque reutilizan os restos orgánicos para animais ou por outras vías.

É dicir, o 79,9% dos locais confirmaron a súa colaboración co Plan Composta. E do total consultado (234), o 96,1% participa ou participará da compostaxe na cidade, xa que 38 establecementos indicaron que xa tiñan outras vías de reutilización dos biorresiduos dos seus negocios.

Até o de agora, as visitas fixéronse a medianos e grandes produtores como restaurantes, tendas de alimentación, froiterías, floristerías, o Mercado de Abastos, hoteis, pensións, bares de tapas… Pendente quedan os pequenos produtores cos que se contactará nos vindeiros días.

O concelleiro Raimundo González amosouse “moi satisfeito” destes primeiros datos tanto pola acollida do Plan Composta como pola conciencia cidadá xeral sobre a reciclaxe e reutilización da materia orgánica “o que amosa o alto grado de compromiso da sociedade pontevedresa coa mellora da calidade de vida da nosa cidade e, en definitiva, coa mellora do planeta”.

Campaña de sensibilización 

Composta arrancou o pasado 15 de xuño cunha campaña de sensibilización entre o público obxectivo: establecementos comerciais. Dúas persoas van visitando os produtores singulares en horario de mañá e de tarde. Informan sobre os horarios de recollida, onde van estar os colectores, que poden e non poden depositar, o kit que se lles facilitará (tarxeta, colector e bolsas compostables). No impreso que se lles entrega tamén teñen que mencionar que tipo de colector solicitan; para estes produtores soe ser de 45 ou de 90 litros. 

A campaña de sensibilización dos establecementos comerciais prolongarase até primeiros do mes de xullo. 

A continuación, ou simultaneando coas visitas aos produtores singulares, farase a campaña aos particulares que arrancará coa entrega de información nas caixas de correo dos domicilios particulares seguida das visitas a domicilios por parte de informadores do Plan Composta. Neste caso, a empresa ten unha previsión inicial de atender, porta a porta, a uns 3.500 domicilios.

Plan Composta 

Composta é un programa experimental de recollida de residuos orgánicos en vivendas e produtores singulares da cidade. É a terceira vía do programa de compostaxe voluntario e totalmente gratuíto, que recollerá biorresiduos depositados no colector marrón por unha parte da cidade na que non existe opción de tratamento individual nin compostaxe colectiva, seguindo unha ruta de recollida. 

Os medios dos que disporá Composta é dun camión específico de recollida, entre 4 e 5 traballadores en exclusiva para este servizo experimental; entre 60 e 65 colectores de cor marrón instalados nas Illas de reciclaxe da ruta, cubos domésticos de distinta capacidade en función do tipo de participante (7 litros, 45 ou 90 litros) que se entregarán de balde a todas as persoas e establecementos que queiran participar, ao igual que bolsas compostables para os produtores e particulares que se sumen ao proxecto; e unha chave electrónica.

O Plan Composta ponse en marcha cunha ampliación do contrato coa empresa concesionaria, Cespa, que supón no primeiro ano 540.000 euros (440.000 euros + 99.000 euros de tratamento dos residuos en planta de compostaxe) e no segundo 458.000 euros (358.000 euros + 99.000 de tratamento). A continuidade do proxecto xa estaría enmarcado dentro do futuro contrato do lixo de Pontevedra.