O Concello pon en marcha este xoves a compostaxe comunitaria en Campolongo

61
  • A Concellaría que xestiona Raimundo González abre os centros das rúas Espincelo, Xeneral Rubín, Iglesias Vilarelle e Alcade Hevia o xoves e venres, 2 e 3 de xullo.
  • Os mestres composteiros atenderán aos veciños e veciñas que se acheguen a interesarse polo tratamento dos biorresiduos.
  • Tamén activa os catro novos centros da Parda e de Valdecorvos o mércores, 1 de xullo.

A Concellaría de xestión de Residuos, que dirixe Raimundo González pon en marcha esta semana 8 novos centros de compostaxe na cidade nos barrios da Parda, de Valdecorvos e de Campolongo. Con estas novas unidades, a cidade disporá, xa, de 23 composteiros comunitarios a pleno rendemento.

Os primeiros en poñerse en marcha serán os dos barrios da Parda e Valdecorvos. O mércores, 1 de xullo, activaranse os reforzos das rúas Pintor Laxeiro e o da praza das Regas (rúa Gaiteiro Soutelo). Estarán operativos dende primeira hora da mañá para que os veciños e veciñas que o desexen poidan facer uso deles.

Neste caso son dous centros de compostaxe de 10 módulos cada un, que dispoñen de colector para estruturante e fonte.

Xa pola tarde abrirán os composteiros comunitarios de Antón Losada Diéguez e de Maruxa Mallo. Son tamén dous centros de compostaxe con 10 módulos cada un, caixas de estruturante e fonte.

Aínda que son centros situados tamén no barrio da Parda, son os primeiros que se instalan nestas localizacións polo que está previsto a colocación dunha carpa informativa para atender a todas as persoas que desexen achegarse para coñecer o funcionamento dos centros de compostaxe, obter información ou bolsas de compost. Na tarde do mércores, en distintos horarios, tres mestres e mestras composteiras dependentes do Departamento de xestión de Residuos, atenderán as preguntas e suxestións dos veciños e veciñas. A programación é a seguinte:

  • Maruxa Mallo: das 17.00 ás 18.30 horas
  • Antón Losada Diéguez: de 19.15 a 20.45 horas

O barrio de Campolongo

O xoves e o venres tócalle o turno ao barrio de Campolongo onde xa están instalados centros de compostaxe comunitaria de 10 módulos, caixón de estruturante e fonte cada un, nas rúas Espincelo, Xeneral Rubín, Iglesias Vilarelle e Alcalde Hevia.

Dado que se trata dun novo barrio ao que chega a compostaxe, a Concellaría de Residuos instalará tamén a carpa informativa para atender a todos os residentes que se acheguen a ver os novos composteiros. Serán atendidos por tres mestres e mestras composteiras que solventarán as súas dúbidas, ofrecerán información e bolsas de compost procedente doutros centros da cidade.

Os días previstos para a apertura dos composteiros comunitarios en Campolongo son os seguintes:

  • 2 de xullo
    • Rúa do Espincelo: de 17 a 18.30 horas
    • Rúa Xeneral Rubín: de 19.15 a 20.45 horas.
  • 3 de xullo
    • Rúa Iglesias Vilarelle: de 17 a 18.30 horas
    • Rúa Alcalde Hevia: de 19.15 a 20.45 horas.

A Concellaría fará un labor informativo previo coa colocación de cartelería en todo o ámbito de influencia dos oito centros de compostaxe que se poñen en marcha na vindeira semana.

23 centros de compostaxe 

Na actualidade o Concello ten instalados distintos centros de compostaxe a servizo dos veciños e veciñas nos barrios de Monte Porreiro, Eduardo Pondal-Gorgullón, A Parda e en Valdecorvos-Castañal. En total, 15 centros aos que hai que sumar os 8 novos que se porán en marcha a vindeira semana. 

Dos existentes, tres deles son de 6 módulos, e o resto teñen todos 10. Tratan arredor de 750 toneladas ao ano e cos 8 que entrarán en funcionamento achegarase ao tratamento de 1.150 toneladas ao ano. É dicir, arredor do 8% da produción de biorresiduos do concello de Pontevedra. 

O departamento de Residuos xa traballa na implantación da compostaxe comunitaria noutros barrios. 

COMPARTIR