As axudas a autónomos e micropemes permitirán un anticipo do 75% do importe subvencionado

66
  • O obxectivo é reducir o desembolso inicial que teñan que realizar os e as solicitantes
  • O Concello está realizando unha campaña de difusión entre o sector e estudando suxestións para a posible inclusión nas bases definitivas

As bases de subvencións para micropemes e autónomos contemplarán a posibilidade de que os e as beneficiarias poidan dispoñer dun anticipo do 75% do importe subvencionado. Anunciouno esta mañá Anabel Gulías tras a aprobación deste punto na Xunta de Goberno local, e explicou que a principal finalidade deste anticipo é reducir o desembolso inicial que teñan que realizar os e as solicitantes das axudas.

A portavoz do goberno explicou que esta decisión chega tras “varias reunións con diversos servizos técnicos municipais para abordar o tratamento, convocatoria e bases definitivas e sempre coa intención de mellorar as facilidades para solicitar e para acollerse ás axudas, e polo tanto para facilitar o investimento e o movemento da economía local”.  Neste sentido, lembrou que “entendemos que este adianto contribúe dunha forma sinxela e eficaz a que a xente se anime a pedir estas axudas para mellorar os seus negocios sempre co punto de vista fixo no futuro, en mellorar a nosa cidade, e en mellorar o tecido económico e social”. 

Neste momento da tramitación técnica desta liña de axudas, o Concello tamén inicou unha campaña de difusión do borrador, tanto a través dunha páxina web específica como a través das principais asociacións empresarias, co obxecto de que os posibles interesados e interesadas vaian coñecendo os requisitos de partida para que poidan ir tomando as súas decisións e encamiñando proxectos e actuacións subvencionables. Ademais, durante este proceso de difusión tamén se están recollendo suxestións puntais de cara a estudar a súa posible inclusión nas bases definitivas.

As axudas a autónomos e micropemes foron aprobadas na Xunta de Goberno da pasada semana e contemplan unha partida inicial de 1.250.000 euros para proxectos que non superen os 12.000 euros, e cunha porcentaxe de subvención do 70% do custe total do proxecto, até un máximo de 5.000 euros por solicitude. 

Os beneficiarios serán as empresas, negocios e actividades con local de atención directa ao público que tiveron un parón mínimo de 15 días durante o estado de alarma; negocios tales como cafeterías, restaurantes, comercios declarados non esenciais, perruquerías, librerías, reparación de roupa e calzado, ou actividades artísticas e creativas, que estean rexentadas por autónomos ou empresas de 5 ou menos traballadores.

As actuacións subencionables enmárcanse no eido da modernización, mellora, adaptación e dixitalización dos negocios, embelecemento interior e exterior, mellora da accesibilidade, eficiencia enerxética e similares.