O Concello contará cunha aplicación exclusiva para a xestión patrimonial

12
  • Vén de aprobar o expediente de contratación do servizo cun orzamento de 157.300 euros

A Xunta de Goberno local vén de aprobar o expediente de contratación para a implantación dun sistema de xestión patrimonial integral. Segundo explicou a portavoz do Goberno, Anabel Gulías esto vai supoñer a contratación dunha aplicación exclusiva do Concello de Pontevedra para mellorar a identificación e control de todo o patrimonio municipal.

O orzamento desta aplicación informática durante catro anos é de 157.300 euros, que inclúe implantación durante o primeiro ano e o mantemento e garantía nos tres seguintes. Gulías lembrou que este programa se enmarca na liña de traballo a prol da modernización  e da axilización da Administración local. 

Esta aplicación permitirá a integración co sistema contable do Concello e co sistema de Administración electrónica, o que implicará a mellora da identificación do patrimonio, das operacións relacionadas, e que todos os servizos teñan acceso a todo o inventario patrimonial, xa que por primeira vez vai estar informatizado.

Así, este sistema posibilitará que todas tipoloxías de bens sexan xestionadas a través de datos tales como a identificación, definición, localización, a súa situación xurídica, a vida económica, como por exemplo as amortizacións, os custes de adquisición, a conexión coa oficina virtual do catastro, ou a xeorreferencia. 

O sistema tamén debe incluír o deseño dun plan de instalación, axustado ás necesidades do Concello, e debe garantir a formación para os funcionarios e a elaboración dun manual de metodoloxía.