A Concellería de Promoción Económica lanza unha campaña para incentivar o turismo de proximidade baixo o hashtag #VuelvoaPontevedra

136
  • Coincidindo coa reapertura das fronteiras con Portugal, a iniciativa impulsada por Yoya Blanco pretende “potenciar a nosa imaxe como destino para o norte do país luso e o norte de España”
  • A campaña de marketing dixital inclúe a difusión do vídeo promocional ‘¿Recuerdas?’ e o sorteo de dous bonos de dúas noites e almorzo en empresas turísticas de aloxamento da cidade 

Unha intensa campaña de marketing dixital baixo o hashtag #VuelvoaPontevedra, cun animado vídeo promocional e o sorteo de dous bonos de dúas noites e almorzo en empresas turísticas de aloxamento da cidade, servirá para poñer en marcha a estratexia coa que a Concellería de Promoción Económica e Turismo, a través da firma municipal Visit-Pontevedra, pretende incentivar o turismo de proximidade. O lanzamento da campaña de fidelización de viaxeiros, que coincide coa reapertura das fronteiras con Portugal, busca potenciar a imaxe e notoriedade da marca ‘Pontevedra’ nun mercado de clientes que xa coñecen o destino e que se atopan a unha distancia de catro ou cinco horas da cidade en coche ou outros transportes terrestres, esencialmente do Norte de España e do país luso.

Tal e como sinala a concelleira de Promoción Económica e Turismo, a socialista Yoya Blanco, a iniciativa diríxese a “persoas que xa coñecen Pontevedra ou Galicia e/ou lles gustaría coñecelas e que estean buscando activamente e/ou contratando aloxamentos turísticos, entradas a eventos, viaxes, que sexan asistentes habituais a eventos culturais, afeccionados á arte e o teatro, gastrónomos e que adoiten cear fóra e que sexan amantes das viaxes”. 

“Queremos transformar aos fans do destino Pontevedra en embaixadores da nosa marca e impulsar a recuperación económica do sector a través dun turismo o máis seguro posible e por iso buscamos atraer visitantes procedentes de rexións cunha situación epidemiolóxica semellante á nosa: persoas que viven en Asturias, Cantabria, Castela e León e o Norte de Portugal (Braga, Vila Real, Bragança, Viana do Castelo e Porto), de entre 20 e 50 anos e que están interesadas en Galicia ou son viaxeiros frecuentes”, explica Blanco.

Segundo avanza a edil do PSOE, a campaña #VuelvoaPontevedra traducirase na difusión dun vídeo publicitario dun minuto e medio de duración, titulado ‘¿Recuerdas’ e no que se exhiben imaxes de prazas, terrazas, festas, gastronomía, aloxamentos, restaurantes e vida da cidade (https://www.youtube.com/watch?v=Ey2pr_DoRHU), así como nun sorteo a través das redes sociais de Turismo de Pontevedra, cun sinxelo cuestionario sobre os recursos turísticos do concello. Todos aqueles que queiran participar poderán facelo dende hoxe até o vindeiro 15 de xullo, premendo na pestana ‘¿Recuerdas?’ da páxina de Facebook de Visit-Pontevedra (que enlaza directamente co cuestionario do concurso baixo o lema ‘Participa y vuelve’) ou no enlace https://pr.easypromosapp.com/p/897613). “Os que acerten as preguntas -apunta Yoya Blanco- participarán no sorteo de dous bonos de dúas noites e almorzo en empresas turísticas de aloxamento da cidade de Pontevedra”.

Incrementar as vendas directas e indirectas do sector

A difusión destas accións de promoción turística desenvolverase non só a través das webs e redes sociais de Visit-Pontevedra e do Concello de Pontevedra, senón tamén mediante alianzas con bloggers especializados, email-marketing (newsletter empregando base de datos de Turismo de Pontevedra), publicidade online e referencias en blogs relacionados con turismo, gastronomía e eventos. Yoya Blanco está convencida de que esta campaña “axudará a incrementar as vendas directas e indirectas do sector turístico pontevedrés, multiplicará o tráfico interactivo nas distintas canles de comunicación de Turismo de Pontevedra e noutros sitios de interese e potenciará a comunidade dixital que fala da nosa cidade”. 

¿Recuerdas? Vuelve a disfrutar del placer de volver