Os contedores do plan Composta estarán activos a partires do luns

75
  • Colocaranse 65 contedores marróns na ruta deste plan experimental e está previsto que na primeira semana xa funcione con “velocidade de cruceiro”
  • Máis do 96% dos establecementos comerciais visitados xa se adheriron a este novo sistema de tratamento de biorresiduos e, a partires de hoxe, iníciase unha campaña informativa nas vivendas particulares 

O concelleiro de Residuos, Raimundo González, confirmou esta mañá que os contedores do plan Composta serán colocados na ruta establecida neste programa durante a madrugada do luns 6 de xullo. Trátase de 65 contedores marróns nos que só se poderán depositar biorresiduos por parte de usuarios xa adheridos e que conten cunha tarxeta electrónica que dá acceso a ditos contedores. O propio Raimundo González fixo unha demostración a pé de rúa do funcionamento do sistema de apertura deste tipo de contenedor mediante chave electrónica.. 

O mesmo luns pola tarde, o camión da empresa concesionaria do contrato, Cespa, comezará a recoller os primeiros restos nos contedores colocados na contorna da praza de abastos e na zona monumental. Raimundo González indicou que, tras os posibles axustes, “no prazo dunha semana ao máis tardar, isto xa terá velocidade de cruceiro de cara a comezar a acadar os obxectivos que pretendemos, que son esas 2.000 toneladas de biorresiduos ao ano”. 

O plan arranca con preto de 250 usuarios que se corresponden con medianos produtores, como son restaurantes, comercios de alimentación ou froiterías, posto que foi por este tipo de produtores singulares por onde se comezou coa campaña de sensibilización. Neste sentido, Raimundo González quixo salientar a satisfacción pola boa acollida e indicou que “dos 255 medianos produtores visitados o índice de rexeites é baixísimo, en concreto só son 10 comercios, o que non chega nin ao 4% polo tanto ten unha acollida superior ao 96%”. Tamén anunciou que a partires de hoxe se iniciará a campaña de sensibilización nas vivendas particulares da ruta establecida para este plan, o que inclúe a entrega dun folleto informativo que explica en que consiste este novo sistema de recollida de biorresiduos, onde hai que anotarse e que tipo de residuos se poden compostar e cales non. 

A todos os produtores participantes no plan Composta, ben sexan produtores singulares ou vivendas particulares, se lles entrega de balde un cubo de 7, 45 ou 90 litros (dependendo das necesidades do tipo de produtor), bolsas compostables e a chave electrónica para que faga uso do contedor marrón. Neste momento, o Concello dispón para a súa distribución entre os participantes de 125 cubos de 90 litros, de 500 de 45 litros e de 2.400 de 7 litros.

A ruta prevista abrangue as seguintes rúas: Partindo de Loureiro Crespo (á altura de Ernesto Caballero), José Malvar, avenida de Bos Aires até a rotonda da ponte das Correntes, praza do Peirao, Cruz Vermella, Santa Clara, Sarmiento, praza da Leña, Pasantería, Aduana, Ferraría, Soportais, praza da Verdura, Ánimas, Peregrina, Michelena, Alhondiga e Teatro Principal, praza de Santa María, San Martiño, Prudencio Landín, Alameda, Echegaray, Colón – Alameda, Riestra, Augusto González Besada, García Camba, Andrés Mellado, Pardo de Cela, Virxe do Camiño, Sagasta, Frei Xoán de Navarrete, Joaquín Costa, Estrada (até o colexio Sagrado Corazón). Desde Sagasta tamén cara Benito Corbal e Cobián Areal. Desde avenida de Bos Aires, tamén cara Padre Gaite, Perfecto Feijoo, San Antoniño, Casimiro Gómez e A Seca. 

O plan Composta é un sistema experimental de recollida de residuos orgánicos en vivendas e produtores singulares da cidade. É a terceira vía do programa de compostaxe voluntario e totalmente gratuíto, que recollerá biorresiduos por unha parte da cidade na que non existe opción de tratamento individual nin compostaxe colectiva, seguindo a ruta de recollida establecida.

COMPARTIR