Moi boa acollida dos primeiros centros de compostaxe comunitaria de Campolongo

23
  • No primeiro día arredor as carpas informativas recibiron a adhesión de case 100 persoas.
  • Esta tarde ábrense os composteiros de Iglesias Vilarelle e da rúa do Forno.

Todo un éxito resultou a posta en marcha dos primeiros centros de compostaxe no barrio de Campolongo na tarde de onte. Así o puido confirmar a Concellaría de Residuos que xestiona Raimundo González Carballo, na carpa instalada nas rúas Espincelo e Paseo de Valle-Inclán (Xeneral Rubín) xa que arredor de 100 usuarios asinaron o compromiso de participar no programa.

Os mestres e mestras composteiras que informaron os veciños e veciñas que se achegaron aos centros confirmaron a boa acollida que tivo cunha participación moi activa por parte da veciñanza preocupada en como teñen que facer para compostar, se sorprenderon da calidade do compost que se regalaba procedente doutros centros de compostaxe da cidade.

Esta tarde continúa a apertura dos centros comunitarios no barrio de Campolongo. En concreto está prevista a apertura na rúa Iglesias Vilarelle ás 17.00 horas e ás 19.15 horas na rúa Alcalde Hevia coa Rúa do Forno.

Dado que se trata dun novo barrio ao que chega a compostaxe, a Concellaría de Residuos instalará a carpa informativa para atender a todos os residentes que se interesen por ver os novos composteiros. Serán atendidos por tres mestres e mestras composteiras que solventarán as súas dúbidas, ofrecerán información e bolsas de compost procedente doutros centros da cidade. 

23 centros de compostaxe 

Na actualidade o Concello ten instalados distintos centros de compostaxe a servizo dos veciños e veciñas nos barrios de Monte Porreiro, Eduardo Pondal-Gorgullón, A Parda e en Valdecorvos-Castañal. En total, 15 centros aos que hai que sumar os 8 novos que se porán en marcha a vindeira semana coa incorporación do barrio de Campolongo. 

Dos existentes, tres deles son de 6 módulos, e o resto teñen todos 10. Tratan arredor de 750 toneladas ao ano e cos 8 que entrarán en funcionamento achegarase ao tratamento de 1.150 toneladas ao ano. É dicir, arredor do 8% da produción de biorresiduos do concello de Pontevedra. 

O departamento de Residuos xa traballa na implantación da compostaxe comunitaria noutros barrios.