Usuarios da Asociación Xoán XXIII avalían a accesibilidade cognitiva do Concello

18
  • Incorporar elementos visuais na cartelaría, crear itineriarios con cores no chan e planos de evacuación de fácil comprensión entre as recomendacións de mellora

Representantes da Asociación Xoán XXIII veñen de facerlle entrega ao alcalde do informe de avaliación da Casa Consitorial en materia de accesibilidade cognitiva. Trátase dun traballo realizado por un equipo formado por catro usuarios e catro profesionais da Asociación para testar os puntos débiles do edificio consistorial e propor recomendacións para darlle solución. 

Tras a xuntanza, na que participaron Miguel Anxo Fernández Lores, o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, a psicóloga da Asociación, Raquel Braga, e un dos usuarios que forma parte do equipo, Fernando Iglesias, o alcalde explicou que a idea desta colaboración é que Concello avance en todos os ámbitos da accesibilidade universal. No ámbito concreto da accesibilidade cognitiva, explicou que se trata de mellorar todo o que ten que ver coa percepción dos espazos e dos lugares con elementos de sinalización adaptados a persoas con algún tipo de dificultade de comprensión, como poden ser persoas con discapacidade intelectual, ou persoas con baixa alfabetización (por exemplo por cuestións de idade), ou con dificultades co idioma (como podería ser o caso de persoas migrantes). 

O alcalde agradeceu o traballo realizado polo equipo da Asociación para avanzar neste tipo de accesibilidade e lembrou que nos últimos pregros de condicións para adxudicar cartelería para edificios municipais xa se están incluíndo criterios que atendan á accesiblidade cognitiva. Neste sentido, indicou que a cartelería do Centro Social do Burgo xa se realizou con estes criterios e convidou ao equipo de accesibilidade cognitiva de Xoán XXIII a avaliala para comprobar o grao de accesibilidade.

Segundo explicaron a psicóloga Raquel Braga e o usuario Fernando Iglesias,  na avalicación da Casa Consistorial analizáronse apartados 5 apartados: localización, acceso, orientación e desprazamento, uso e identificación, e seguridade e emerxencias. A nivel xeral, as principais eivas están no tamaño da cartelaría identificativa, no tamaño da letra empregrada ou na ausencia de reforzos visuais e de sinalización de itinerarios. Así, entre as propostas de mellora,  salientan a necesidade de adaptar a cartelaría, planos e directorios a formatos de máis fácil comprensión, con tamaños de letra o máis visibles posible e con reforzo visual como por exemplo con pictogramas. Tamén fan recomendacións relacionadas coa creación de itinerarios no interior do edificio con bandas de cores no chan, ou bandas nas paredes no caso dos percorridos para saídas de emerxencia.