A partida de 1.250.000 euros das axudas a autónomos e microempresas será aprobada no vindeiro Pleno

88
  • Vai incluída na modificación de crédito de preto de 3,5 millóns de euros que se someterá a aprobación na sesión plenaria do 20 de xullo
  • Sumando esta modificación de crédito, o orzamento do Concello de Pontevedra sitúase en preto de 100 millóns de euros

O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, vén de informar que na vindeira sesión plenaria do 20 de xullo se aprobará unha modificación de crédito que ascende a 3.435.000 euros, e na que se inclúe a partida destinada ás axudas a autónomos e microempresas.

Segundo explicou o concelleiro, a partida destas axudas, que inicialmente ascende a 1.250.000 é a máis “substancial” da modificación de crédito, ao tempo que lembrou que se trata dunha cantidade inicial que “é susceptible se ser ampliada en función de como evolucionen as solicitudes e xustificacións”. Tamén aproveitou para lembrar que as bases desta convocatoria contemplan un anticipo do 75% da cantidade subvencionada e que se trata dunha subvención de capital “para investimentos no propio local do negocio”.

Raimundo González indicou que esta modificación de crédito “vén determinada fundamentalmente como consecuencia da crise económica e sanitaria provocada pola pandemia da Covid-19 e o que se pretende maioritariamente é axudar aqueles sectores resultaron especialmente prexudicados, así como repoñer crédito en partidas nas que xa resulta insuficiente na actualidade”. Afirmou que ademais “aborda temas de investimento, o que non deixa de ser un elemento de dinamización económica para, indirectamente, conseguir que se vaia recuperando a economía da cidade para así dar saído desta longa noite”. Sumando esta modificiación de crédito, o orzamento do Concello sitúase en 99.998.625,11 euros, tras as incorporacións de remanente e altas que se fixeran sobre os 79.336.000 aprobados inicialmente.

Despois da partida destinada ás axudas a autónomos e microempresas, a segunda máis cuantiosa é a de melloras en accesibilidade urbana que ascende a 722.000 euros. Tátase de obras de accesibilidade en diversos barrios como Valdecorvos, Gorgullón, o Burgo, a zona da avenida de Vigo, Taboada Nieto e Cobián Roffignac.

Séguelle unha partida de 350.000 euros para investimentos no Servizo de Extinción de Incendios, que se refiren a equipamentos e instalacións do propio Servizo. Raimundo González lembrou que as instalacións deste Servizo datan aproximadamente do ano 1986 e que desde entón se fixeron algunhas obras puntuais de mellora pero que agora se fai necesario acometer unha reforma máis en profundidade das zonas comúns e redistribuír a planta baixa.

Tamén se inclúe unha partida de 320.000 euros que corresponde co investimento que ten que facer o Concello no marco da subvención para eficiencia enerxética no alumeado exterior nas parroquias de Campañó, Alba e Cerponzóns. No ámbito deportivo, inclúese unha partida de 300.000 para para as subvencións aos clubes deportivos. Neste ámbito, tras o primeiro pago de subvencións xa realizado este ano, esta sería unha segunda convocatoria para que os clubes vexan recuperado o seu financiamento. Mentres, para emerxencia social contémplase unha partida de 100.000 euros de cara a complementar todos os incrementos que xa se viñeran facendo mediante transferencias internas. A modificación de crédito tamén contempla partidas destinadas a programas de Benestar, actuacións de Promoción da Cidade, ou asistencias técnicas de Parques e Xardíns.

Por último, Raimundo González indicou que este orzamento sae maioritariamente de remanente líquido de tesourería, concretamente 2.791.000. Os preto de 650.000 euros restantes corresponden con baixas de diferentes partidas, como o fondo continxencia ou intereses de préstamos.