Nace FALAMOS, un programa destinado a neofalantes en galego no Campus

83
  • Trátase dun proxecto novidoso posto en marcha entre o Servizo de Normalización Lingüística do Concello, e o departamento de Normalización Lingüística, profesorado e alumnado da UVigo

O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, o vicereitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto, e o responsable do departamento de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, Fernando Ramallo, presentaron esta mañá o programa FALAMOS, destinado a neofalantes en galego do Campus de Pontevedra. Este programa, segundo explicaron os seus responsables, nace tras unha análise do uso da lingua galega no ámbito universitario e que, segundo un estudo do ano 2018, indica que o 64% do alumnado é monolingüe en castelán fronte a un 18% monolingüe en galego.

Para revertir esta situación, a través de FALAMOS tratarase de incrementar o uso do galego entre o alumnado creando espazos de socialización nos que poñer en marcha actividades lúdicas e de ocio como obradoiros, clubs de lectura ou cursos de cociña. O foco de atención fundamental será o alumnado do primeiro ano, xa que, segundo explicou Alberto Oubiña, un dos dous momentos na vida dunha persoa máis favorables para o cambio de idioma é a chegada á universidade. O segundo momento, sería o nacemento dun fillo ou filla e para esa circunstacia, Oubiña mencionou a pertinencia do programa Apego, no que o Concello de Pontevedra tamén participa. 

O concelleiro lembrou, ademais, que esta nova iniciativa entronca coa a liña de traballo constante centrada na mocidade que vén realizando desde a súa área, para sensibilizar e promover a reflexión sobre a situación da lingua e o seu uso efectivo, con programas como Ben Veñas, Maio; Club de Debate; ou YouTubeir@s. Por último, explicou que tras iniciar o proceso para artellar o programa FALAMOS a finais do pasado ano, se constituíu un grupo de 20 persoas en maio que estivo traballando telemáticamente co obxectivo de ter a programación pechada a finais de verán e implementala no inicio do vindeiro curso académico.