O Concello acusa ao SERGAS de dilatar a reposición de médico en Ponte Sampaio

8
  • Tras un novo contacto do alcalde co xerente da área sanitaria, o goberno municipal conclúe que “non hai intención de resolver o problema no curto prazo”

O concelleiro Raimundo González asegurou esta mañá que, tras un novo contacto entre o alcalde de Pontevedra e o xerente da área sanitaria, o Concello constata que “o único que hai por parte do SERGAS é unha dilatación da situación” a respecto da reposición de médico en Ponte Sampaio. 

Raimundo González asegurou que a conversa, mantida onte, é xa o “enésimo” contacto para intentar desbloquear a situación e que o SERGAS acceda a analizar as condicións dos locais que o Concello pon á súa disposición. Tras esta nova conversa na que non se acadou ningún compromiso por parte do SERGAS, Raimundo González asegura que “non ten ningunha intención de repoñer o médico de inmediato nin de resolver o problema  a curto prazo”, posto que non fixan unha cita para ver os locais e ademais alegan que a falta de facultativos é un problema que afecta a máis centros médicos de zonas rurais do país e que no verán hai un problema de substitucións. 

O concello trasladará esta resposta á plataforma veciñal para que valore a conveniencia de incrementar as medidas de presión. Neste sentido, o concelleiro asegurou que aínda que a falta de facultativos sexa unha cuestión global do SERGAS, a nós o que nos preocupa e polo que estamos loitando é polos nosos veciños de Ponte Sampaio e seguimos insistindo e que queremos a reposición do facultativo de inmediato para que non se teñan que seguir desprazando ao centro médico de Virxe Peregrina”.

COMPARTIR