Os primeiros usuarios do Plan Composta amosan un alto nivel de concienciación

36
  • Nos primeiros días de recollida de biorresiduos a produtores singulares destaca a boa calidade dos residuos orgánicos e a ausencia de ‘impropios’
  • Nos domicilios particulares, nos que a campaña de difusión comezou fai menos dunha semana, o nivel de aceptación e adhesión ao programa tamén está sendo moi elevado

O concelleiro responsable de Xestión de Residuos, Raimundo González, fixo unha primeira valoración da acollida do Plan Composta, tras tres días en funcionamento, poñendo o foco sobre “a boa calidade dos biorresiduos”. O concelleiro asegurou que “practicamente non tiñan ningún impropio”, como poderían ser restos plásticos, e que se recolleron restos orgánicos e a bolsa compostable. 

Este bo comportamento dos primeiros usuarios do programa constata, en palabras de Raimundo González “un grao de concienciación moi elevado”, que vén sumarse á boa acollida que está tendo tamén nos domicilios particulares, nos que a campaña de difusión se iniciou fai menos dunha semana. O concelleiro explicou que, en xeral, a veciñanza xa é coñecedora do programa e que ademais está interesada en sumarse a el e que a gran maioría xa asina o compromiso de adhesión na visita dos técnicos. 

Por último, tamén informou que todos os contedores están colocados na rúa tal e como estaba previsto, tanto os fixos como os que se moven de noite. Hai que lembrar que no centro histórico, estes colectores se colocan todos os días ás 20.00 horas e se recollen ao día seguinte sobre as sete da mañá. 

O Plan Composta comeza a súa andadura recollendo os primeiros biorresiduos dos produtores singulares (establecementos comerciais) na ruta establecida no centro histórico e no ensanche da cidade. Nos vindeiros días empezarán a sumarse os domicilios particulares que queiran participar deste plan experimental voluntario e de balde.