Pontevedra incrementa a súa oferta hosteleira cun albergue singular

4
  • Acolá Rooms abriu as súas portas o pasado martes cunha oferta de habitacións privadas e con servizos para persoas ostomizadas ou con mobilidade reducida
  • O alcalde salientou a importancia deste tipo de oferta en liña coa imaxe de Pontevedra como “cidade de servizos e de vangarda”

Miguel Anxo Fernández Lores acompañado polo concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, e pola concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, visitou esta mañá o albergue Acolá Rooms, un hostel que oferta unicamente habitacións privadas e incorpora opcións para persoas ostomizadas ou con mobilidade reducida. Está situado na rúa Ferreiros, vén de abrir as súas portas o pasado martes, e suma o terceiro albergue Acolá na cidade, tras os dous situados na rúa Arzobispo Malvar que ofertan prazas en habitacións compartidas.

O concepto de albergue que aposta pola privacidade e por ofrecer servizos para persoas con discapacidade física ou con ostomía supón segundo indicou o alcalde “un aumento da calidade, que cremos que é necesaria porque somos unha cidade de servizos e de vangarda”. Neste sentido, Fernández Lores tamén salientou que a importancia deste tipo de “establementos que están ao día e que co seu empredemento melloran a cidade”. Tamén fixo fincapé en que a pesares de abrir “nunha época moi complicada isto dálle máis mérito a arriscar nun momento tan complexo”, ao tempo que asegurou que “é un proxecto con futuro polo que non vai depender dunha soa tempada”.

Pola súa banda, a propietaria de Acolá Rooms, Candela Garrido asegurou que a apertura deste hostel lles permite complementar a oferta dos dous albergues abertos en anos anteriores (o primeiro fai dous anos e o segundo no seguinte verán) e diversificar o tipo de  cliente potencial cara a peregrinos, turistas mozos, persoas que viaxan soas, familias, ou grupos que busquen opcións diferentes ás prazas individuais en habitacións compartidas. Salientou a importancia da ubicación nunha zona que está en desenvolvemento e asegurou que esta diversificación mellora a oferta e a colaboración entre os hostaleiros da cidade.