A parroquia de Lourizán completa a rede de saneamento

19
  • Súmase ás parroquias co total da rede de saneameto licitado, que neste momento son Bora, A Canicouva, Mourente e Ponte Sampaio   
  • A Xunta de Goberno local vén de aprobar o proxecto para conectar as vivendas de Lourizán que faltaban, cun orzamento de 353.161 euros, e a ampliación da rede en Salcedo por 680.296,38 euros

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, vén de informar que a Xunta de Goberno local aprobou esta mañá dous proxectos de ampliación da rede de saneamento relativos a zonas limítrofes e conectadas entre si nas parroquias de Salcedo e Lourizán. O proxecto de Lourizán permite ademais completar o saneamento nesta parroquia, que se suma ás parroquias co total do saneamento licitado e que neste momento son Bora, A Canicouva, Mourente e Ponte Sampaio.

O proxecto de amplicación da rede de saneamento de Salcedo ten un orzamento de 680.296,38 euros e un prazo de execución de 7 meses. Vai destinado a 52 vivendas  dos lugares do Xistro, A Almuíña, O Carballo do Pazo e A Ruibal, e o investimento por vivenda ascende a 13.082 euros. Anabel Gulías indicou que a importancia deste proxecto non radica só no custo económico e na aposta por dotar ao rural de servizos senón que  tamén conleva unha serie de dificultades. Así, citou que para levar a cabo este proxecto foi necesario obter permiso de paso por 55 parcelas privadas, e permisos do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana posto que o trazado cruza tanto por un paso inferior da AP-9, como por un paso elevado desta autoestrada no lugar do Xistro, polo que é necesario facer un canalón de servizos nesa ponte. Estes traballos executaranse en horario nocturno, xa que implican cortar o tráfico da autoestrada. Tamén vai cruzar o Rego Louriñas en varios puntos por baixo do leito polo que se necesita permiso de Augas de Galicia. 

Mentres, o proxecto de ampliación da rede de saneamento de Lourizán ten un orzamento de 353.161 euros e un prazo de execución de 4 meses. Dará servizo a 14 vivendas e supón un investimento de 25.255 euros por vivenda. Para este proxecto foi necesario obter permiso de paso por 8 parcelas privadas e cruza dobremente unha ponte sobre a PO-11, o que tamén implica permiso do Ministerio de Transporters, Mobilidade e Axenda Urbana, e tamén está previsto cortar este vial en horario nocturno para executar as obras neste tramo. Unha vez executado este proxecto, que completa a rede de saneamento en Lourizán, quedarán conectadas 1.200 vivendas nunha parroquia de 3.043 habitantes.

Anabel Gulías lembrou que as parroquias nas que queda pendente de rematar a rede de sanemanto son Santo André e Santa María de Xeve, Verducido, Alba, Campañó, Creponzóns, Lérez, Marcón, Salcedo e Tomeza.

Proxectos en execución

Tamén lembrou que onte comezaron a executarse as obras de abastecemento e de saneamento na parroquia de Bora cun orzamento de preto de 7,5 millóns, do que 4.785.791 corresponden ao proxecto de abastecemento e 2.670.277 ao de saneamento.

Tamén neste momento se están executando as obras de abastecemento na parroquia de Mourente á altura dos Areás, tramo no que está cortada a estrada que vai dirección Ourense durante esta semana. Anabel Gulías lembrou que se trata da última parte do proxecto de abastecemento que dará servizo, entre outros lugares, ao novo Hospital de Montecelo.