50 artistas de todo o país respaldan a programación de verán de Pontevedra

310
  • Preto de 300 actividades da man de artistas, compañías e produtoras galegas conforman o programa dunhas festas “diferentes para vivir Pontevedra todo o verán”
  • As actividades están agrupadas en 18 programas e distribuiranse en 13 espazos escénicos repartidos por toda a cidade e polos barrios

Portavoces dos grupos políticos da corporación e 50 artistas e representantes de produtoras e compañías, tanto de Pontevedra como de toda Galiza, arrouparon esta mañá a presentación da programación de verán de Pontevedra. A presentación, que tivo lugar nun acto público na praza da Peregrina, estivo encabezada polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e pola concelleira de Festas, Carme da Silva, e incluíu pequenas intervencións musicais de Marcelo DoBode e Cora Velasco, e unha breve intervención humorística de Quico Cadaval. 

En palabras do alcalde, as deste ano “serán unhas festas diferentes para que Pontevedra se poida vivir durante todo este verán, con actividades descentralizadas, en pequenos grupos e cunha programación intensa con preto de 300 actividades”. Na súa intervención Miguel Anxo Fernández Lores lembrou que “desde o primeiro momento nós non quixemos tirar nunca a toalla e falamos de evitar suspender e de reinventar”, e que para iso foi preciso “cambiar os esquemas previstos, e non vai haber grandes concertos de grandes artistas a nivel internacional, pero dentro do propio país, en Pontevedra e en Galiza, temos artistas que interesa dar a coñecer e cos que disfrutar todo este verán”. Tamén fixo fincapé na necesidade de pular polos sectores relacionados coa Cultura, coas Festas, co Lecer e co Deporte porque “xeran movemento e dinamismo na cidade e porque son ademais sectores que están sufrindo especialmente as consecuencias da Covid-19”. Unha aposta que, en palabras de Fernández Lores “foi seguida despois por moitos outros Concellos”.

Pola súa banda, Carme da Silva asegurou que “todas as persoas do sector cultural de Galiza que hoxe nos acompañan aquí, son unha pequena mostra do que imos ver na programación de verán de Pontevedra”. Serán en total 294 actividades, das cales 31 corresponden a actuacións infantís, 123 serán actuacións musicais, 125 de animación de rúa, 10 pases de maxia e 5 proxeccións cinematográficas (unha delas en versión orixinal).

O programa físico, que comeza a distribuírse hoxe, inclúe un mapa coa localización dos 13 espazos escénicos nos que se desenvolverán as actuacións, un apartado especial dedicado á semana da Peregrina, e un pequeno crebacabezas coa imaxe e o lema deste ano ‘Pontevedra Vívese’. 

As primeiras actividades terán lugar este venres na praza na Ferreiría no marco do XXI Memorial Ricardo Portela, e continuarán ao longo de xullo e agosto cos 18 programas específicos desta edición: Vén Trebellar, Sondeaquí, A rebulir!, Barullada de Rock,Virar coa Gaita, Música Nova, Artes Vivas, Con Voz de Muller, Noites de Jazz, Cinema na Lúa, Clásicas na Rúa, Urban Pontevedra, Aquí Cántase, Vai de Música, Xeiras das artes, Pontevedra Máxica, e a Festa do Demo

Cultura para combater o medo e a tristeza

“A música, a arte e o espectáculo sirven para combater o medo e a tristeza, e para combater a melancolía, polo tanto debían ser administradas polo Sergas pero ante a inacción desa institución sanitaria teñen que ser institucións como o Concello de Pontevedra os que o fagan” asegurou Quico Cadaval na súa intervención entre brincadeiras relativas á diversidade cultural do país (tamén en relación á diversidade política representada polos portavoces dos grupos da corporación). 

Ademais de Quico Cadaval, Cora Velasco e Marcelo DoBode tamén estiveron presentes artistas e respresentantes de produtoras e compañías como Dúo Xistra, Bea Campos, Pablo Zentolo, Malvares, 105 besos, Pandereteiras de Verducido, Pow, O´Ras, Mentedeamuleto, A Banda da Moureira, Tamara Andrés, Pantano, Singer Stich, Chroma, Verto, Trompas de Farlopio, Fondo Norte, Denova, Desconcerto, Skullnizzz, Charanga Mil9, Expresión Teatro, Laroá, Asociación de Gaiteir@s Galeg@s, La Casa de los Ingleses, Os Alegres, Seminario permanente de Jazz, Baobab Teatro, Troula Animación, Gaiteiros das Rías Baixas, Os de Algures, As cantigas de Elena, Galifunk Brass, Woyza, Urdime, Pablo Lesuit, Eladio y los seres queridos, Xarope Tulú, Sumrrá, Óscar Ibañez & Tribo, Black Stones, Rivel Animación, Moloch, Fran Rei,  e Talabarte.