Arrancan as festas de verán co XXI Memorial Ricardo Portela

73
  • Esta ocasión tan especial homenaxea a Felicia Insuela.
  • Os concertos celebraranse na praza da Ferraría, nun espazo acoutado con intensas medidas de seguridade.

Logo de aperitivo de San Bieito, hoxe chegan a Pontevedra as festas do verán, unhas festas diferentes para un verán diferente. Arrancarán co XXI Memorial Ricardo Portela, un dos programas clásicos da oferta festiva e de lecer de verán do Concello de Pontevedra que manterá as súas esencias, pero cambiará no seu formato.

Haberá mostra de artesanía, concertos e a habitual homenaxe a un persoeiro e persoeira vinculada ao mundo da música tradicional. Nesta ocasión será Felicia Insuela. Despois dun ano de ausencia, esta lembranza únese ás homenaxes que recibiu en vida. O Memorial recoñece na súa figura, o papel importante da muller galega na conservación da música tradicional, parte fundamental do Patrimonio inmaterial galego. 

Dende as 17.00 ás 21.30 horas no Paseo Odriozola abrirase a XVIII Mostra de artesáns de instrumentos tradicionais. Participan nesta mostra: Xaneco Tubío, Oli Xiráldez, José Presedo, Alberto Pires, Queima, O Chilro, Foliqueiras, Afonso Castro, Diego Langarika, Lorena Reinaldo, Luís Martínez e Tunhas.

A partir das 17.30 horas e até as 20.30 as rúas da cidade encheranse de música tradicional cos pasacalles: Airiños do Petouto, Maraghotas, Os Gaiteiros da Rías Baixas, Os Muiñeiros do Sarela

Xa ás 21.00 horas está previsto o concerto de Fiandola, na praza da Ferraría.

Homenaxe a Felicia Insuela no sábado

Na xornada de mañá a Mostra de Artesáns abrirá as súas portas de 11.30 a 14.00 horas e de 17.30 a 21.30 horas.

Os pasacalles comezarán ás 11.30 horas a cargo de Cántigas e Frores, Carme López e Sandra Pérez, Contracocheno, Picuíña e Os Xirifeiros.

Pola tarde os pasacalles comezarán a partir das 18.00 horas: Cántigas e Frores, Carme López e Sandra Pérez, Contracocheno, Picuíña e Os Xirifeiros.

A homenaxe a Felicia Insuela está prevista ás 21.00 horas na praza da Ferraría, seguida do concerto dos Meliados, co que rematará o XXI Memorial Ricardo Portela.

Felicia Insuela

A comezos do século XX, a música tradicional recoñecida contaba nomeadamente coa presenza masculina, a voz feminina ficaba relegada ao mundo privado e local, escoitábase nas añas, nas mallas, nos seráns…

A avoa de Felicia abanaba o berce da súa irmá, na casa natal en Fofe, no concello de Covelo, ao son das cancións que ela e a súa veciña botaban ao carón da lareira e da nena que comezaba así a súa andaina musical. “Isto da música venme da miña avoa e da miña nai. Arredor do lume e do pote transcorría a vida, as cancións enchían os bandullos daquela rapazada, o frío e a fame facíanse máis levadeiros co ritmo dos dedais batendo na cabaza. Eu escoitaba a miña avoa e máis a outra velliña tocar, tocaban coa cabaza, cun prato ou con botellas de anís e eu empecei a tocar na cabaza con seis anos. Cando cocían , facían o pan de millo, fritían un ovo e o repartían entre os cinco nenos esmigallando o pan no prato”, asegura. 

Eran tempos de moita necesidade, naceu en 1929, a guerra e a posguerra marcan a súa nenez e a adolescencia. Aprende a ler e a escribir, xa de moza, cando ven unha mestra para a aldea.

Muda de residencia aos 22 anos, Paredes en Vilaboa acolle ao novo casal que forma con Antonio Agulla; acompaña ao seu home por León, Asturias, etc, na procura de traballo. As crianzas chegan e a solución da emigración imponse na precaria economía familiar, despois dun tempo de instalación en Alemaña, Felicia decidiu acompañar ao seu marido, levou con ela a filla maior e deixou os outros tres ao coidado dos avós e avoas. Na limpeza de hoteis ou como axudante de cociña, esta muller miúda e incansábel, non deixou de traballar e malia a variedade de ambientes e paisaxes que percorreu, nunca esqueceu o seu recuncho natal e a súa afección pola música. Incorporaba ao seu repertorio con gran facilidade as cancións que escoitaba xa fora en León ou as que cantaban os portugueses no hotel en Alemaña, escoitaba, recollía e quedaba con todo.

De volta á terra, comezou axiña a participar en diferentes actividades, con gran entusiasmo axudou a fundar a Asociación Cultural de Paredes, gozaba transmitindo o seu saber, sempre disposta a ensinar e a aprender. Colaborou en diferentes programas da televisión galega.

De temática popular, as letras das súas coplas saían das gorxas do pobo e a música xurdía das xuntanzas que sempre frecuentou (seráns, festas parroquiais, etc,), as airas e os furanchos acollían as interpretacións do grupo familiar composto por fill@s e net@s. Actuou con diferentes grupos. Cos oitenta anos ben pasados non deixou de acudir os sábados ás xuntanzas musicais celebradas polo país adiante.

Incorporaba de xeito natural as súas achegas á copla tradicional, o seu enxeño desbordante mesturaba a actualidade coa tradición, as improvisacións eran froito dunha gran creatividade. Non se arredaba diante do carácter atrevido dalgunhas estrofas, de contido sexual e pícaro, presentes na música popular. O carácter humorístico e a retranca formaban parte das interpretacións, nas que xogaban un papel moi importante os movementos escénicos, Felicia cantaba, tocaba e interpretaba as coplas con xestos e movementos.

A cabaza herdada dos seus ancestros, con máis de dous séculos de antigüidade e os dedais de madeira de buxo, forman parte do legado que deixou á familia, xunto coas dotes artísticas e un repertorio que soubo transmitir. A súa enerxía, o seu enxeño e a súa vitalidade aducían os grupos xuvenís que se achegaban onde ela.

Case sen folgos, aos 86 anos, mantiña con afouteza a vontade de participar coa A.C. Trepia ,na Aña urbana de Pontevedra , en abril de 2016. Sentiuse a súa ausencia na celebración, mais Felicia agardou até o día 25 para irse definitivamente e non murchar a ledicia dos cantos da festa.

Depositaria de todo un legado musical popular, converteuse nunha das derradeiras cantareiras de tradición oral. A súa voz erguíase con forza fronte a todo tipo de imposicións de gustos alleos, na celebración das festas, a súa música mantiña viva a esencia da cultura musical galega.

Despois dun ano de ausencia, esta lembranza únese ás homenaxes que recibiu en vida. Recoñecemos na súa figura o papel importante da muller galega na conservación da música tradicional, parte fundamental do noso Patrimonio Inmaterial.

Protocolo Covid-19

Todas as actuacións de escenario estarán acoutadas, aforadas e co público sentado en función do número de cadeiras que permita cada espazo escénico distribuído pola cidade e os barrios. O aforamento está determinado por estudos previos realizados pola Concellaría de Festas, que xestiona Carme da Silva, atendendo aos distintos decretados ditados polas administracións estatal e autonómica.

Os 13 espazos escénicos serán previamente desinfectados: cadeiras, escenario, camerinos, zonas de control… Ao remate de cada actuación, volverase a desinfectar.

A asistencia a todos os espectáculos é de balde, mantendo así a política festiva do Concello de Pontevedra. A entrada ao recinto abriranse unha hora antes para que as persoas que queiran asistir poidan facelo con tranquilidade, sen aglomeracións e garantindo as medidas hixiénico-sanitarias marcadas. En todos os espazos escénicos haberá unha única porta de entrada.

O público deberá pasar, primeiro, por unha alfombra húmida (con produtos desinfectantes) e a continuación por unha alfombra seca. Deberán limpar as súas mans con hidroxel e seguir, en todo momento, as indicacións do persoal de seguridade e dos acomodadores que haberá no espazo acoutado.

Os espectáculos durarán unha hora. O público asistente deberá permanecer sentado todo o tempo, agás para abandonar o recinto.

Na saída, a Concellaría habilitará dúas saídas en cada un dos espazos, que estarán en lugares opostos á entrada.