Adxudicadas as obras do núcleo de centralidade parroquial de Tomeza

16
  • Realizaranse actuacións Casal do Río e en Lusquiños, cun orzamento de 466.464,47 euros e e un prazo de execución de 5 meses
  • A obra está financiada nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) 

A Xunta de Goberno local vén de aprobar a adxudicación das obras para a conformación do núcleo de centralidade parroquial de Tomeza, coa mellora de distintas infraestruturas. O proxecto, para o que presentaran ofertas 7 empresas, foi adxudicado á empresa Oresa S.L. por un orzamento de 466.464,47 euros e terá un prazo de execución de 5 meses. 

As obras están incluídas dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral “Máis modelo Pontevedra”, financiada cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea, e contempla dúas actuacións e dous ámbitos da parroquia: Casal do Río e Lusquiños. 

En Casal do Río está previsto mellorar o parque e as instalacións deportivas reformando o peche perimetral, ordenando as pistas deportivas e instalando mobiliario deportivo. Tamén está contemplado reformar a zona de recreo (instalación de espazos de merendeiro e acondicionamento da parcela arborada), diferenciar visualmente a estrada e sinalizar o estacionamento e parada do autobús. 

Na contorna do Local social de Lusquiños está prevista a mellora do peche perimetral, paviméntase o acceso con usos diferenciados: haberá un acceso peonil ao centro cultural, e unha segunda entrada de pedra do país no que poderán estacionar vehículos; aproveitarase un desnivel do terreo para crear un banco corrido, que estará conectado coa parte baixa da parcela cunhas escaleiras e unha rampla. Tamén se mellorará a parte baixa da parcela con xabre consolidado onde se instalará unha churrasquería, mellorarase o espazo infantil e toda a accesibilidade da parcela. 

Convén lembrar que o proxecto de mellora das infraestruturas de Tomeza era moito máis ambicioso e inicialmente tiña un orzamento próximo ao millón de euros, xa que incluía unha actuación en catro ámbitos distintos da parroquia. Ademais dos xa mencionados, estaba prevista as melloras das contornas de San Pedro e de San Cibrán, pero estas dúas intervencións recibiron o informe en contra da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia que obriga a unha intervención arqueolóxica de maior envergadura. Ante esta situación e dado que a obra se financia con fondos europeos que precisan dunha xustificación temporal moi axustada, o Concello acordara sacar estas dúas actuacións do proxecto de financiamento europeo.