O Concello reclama á Xunta o mantemento do Ciclo de Educación Primaria na Escola de Verducido

12
  • O desenvolvemento dun proxecto educativo de vangarda nunha contorna rural e unha baixa ratio de alumnado acorde coas medidas de seguridade ante a Covid-19, entre os principais argumentos

A Xunta de Goberno local acordou na súa sesión desta mañá reclamar ante a Xunta de Galicia o mantemento do Ciclo de Educación Primaria da Escola de Verducido. Carme da Silva, que actuou como portavoz do Goberno municipal, explicou que este acordo foi tomado como “un apoio á comunidade escolar e á comunidade en xeral de Verducido” ante o anuncio de peche desta Escola “que se repite ano tras ano con bastante incidencia”.

Da Silva asegurou que “isto provoca que cando pais e nais teñen que buscar escola para os seus fillos ou fillas, se hai unha que ten amenaza de peche pois haberá menos demanda para escolarizar alí os rapaces, e esa baixa demanda úsase despois como xustificación para pechar a escola, o que é unha pescada que morde a cola”.

A concelleira tamén fixo fincapé en que “a comunidade educativa de Verducido está tendo en marcha un proxecto educativo integrador con moitísimos éxitos tanto a nivel galego como internacional e pensamos que non se poden pechar escolas no rural nun momento en que ratios pequenas de alumnado garanten mellor o desenvolvemento con normalidad do proximo curso escolar”.

O acordo aprobado en Xunta de Goberno é  seguinte: 

A Escola de Verducido é un proxecto educativo de vangarda que forma parte indisolúbel da parroquia na que se insire.

O seu proxecto educativo viuse avalado tanto polos resultados académicos, afectivos e sociais do seu alumnado como pola participación en numerosos proxectos educativos a nível galego e internacional nos que deixou demostrado que é posíbel desenvolver unha escola pública da máis alta calidade cando se implica toda a comunidade. 

Nos últimos anos, a Xunta de Galicia pechou numerosas escolas rurais tanto unitarias como pequenas e, como parte de esta política, en Verducido, sucedéronse os anuncios dun posíbel peche que fixeron diminuir a ratio de alumnado en primaria.

Neste final de curso 2019-2020 a Consellaría de Educación anunciou a clausura do primeiro ciclo de primaria na Escola de Verducido e con esa decisión amosa o seu nulo interese en apoiar unha escola pública de calidade e en manter os servizos públicos que precisa un rural vivo.

Asemade, o curso 2020 -2021 vai estar marcado pola necesidade de espazo, recursos e persoal para atender o alumnado nas mellores condicións de seguridade, hixiene e loita contra a pandemia da COVID-19.

Cando máis preciso é manter servizos nas parroquias rurais na loita contra o despoboamento, cando máis se precisa apostar por unha escola pública de calidade e cando máis espazo e medios se precisan para comezar o curso 2020-21, non se entende o peche de unidades educativas.

Por todo isto, a Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra reclama á Xunta de Galiza o mantemento do Primeiro Ciclo de Educación Primaria na Escola de Verducido dende o curso 2020-2021.