O programa ‘Noites de jazz’ reúne en Pontevedra 45 músicas e músicos do ámbito galego

88
  • As actuacións, que terán lugar entre os días 28 de xullo e 1 de agosto, terán como escenarios principais a praza da Pedreira e a praza do Concello

A concelleira de Festas e Dinamización Sociocultural, Carme da Silva, acompañada de Luis Carballo do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, presentou esta mañá o programa dedicado ao jazz no marco da actividade festiva de verán. Baixo o título ‘Noites de jazz’ achegará ás rúas e ás prazas do Concello e da Pedreira, entre os días 28 de xullo e 1 de agosto, a un total de 45 músicos e músicas galegas ou residentes en Galiza.

Tanto Carme da Silva como Luis Carballo insistiron en que a programación dedicada ao jazz nesta edición dá mostra da diversidade e da calidade de músicos locais, ao tempo que combina artistas xa consolidados con novidades. En palabras da concelleira “é un orgullo poder facer esta programación sen saír de Galiza e ademais temos a sorte de ter en Pontevedra xa unha tradición e unha escola grazas ao traballo do Seminario Permanente de Jazz”.

Programa Noites de Jazz

28 de xullo 

  • 22:00h. Praza da Pedreira: Manu Díaz Trío
  • 22:30h. Praza do Concello: Antilia
  • 12:00h e 20:00h. Jazz pola rúa: Street Band

29 de xullo

  • 22:00h. Praza da Pedreira: The Jezz Trío
  • 22:30h. Praza do Concello: Kambala Quartet
  • 12:00h e 20:00h. Jazz pola rúa: Street Band

30 de xullo

  • 22:00h Praza da Pedreira: Baraka Jazz Trío
  • 22:30h. Praza do Concello: Rosolino Marinello Quartet
  • 12:00h e 20:00h. Jazz pola rúa: Street Band

31 de xullo

  • 22:00h Praza da Pedreira: Adrián Solla Trío
  • 22:30h. Praza do Concello: Miguel Lamas Quartet
  • 12:00h e 20:00h. Jazz pola rúa: Street Band

1 de agosto

  • 22:00h Praza da Pedreira: Xosé Outón Trío
  • 22:30h. Praza do Concello: Iago Fernández Grupo
  • 12:00h e 20:00h. Jazz pola rúa: Street Band

Protocolo Covid-19
Todas as actuacións de escenario estarán acoutadas, aforadas e co público sentado en función do número de cadeiras que permita cada espazo escénico distribuído pola cidade e os barrios. O aforamento está determinado por estudos previos realizados pola Concellaría de Festas, que xestiona Carme da Silva, atendendo aos distintos decretos ditados polas administracións estatal e autonómica. 

Os 13 espazos escénicos serán previamente desinfectados: cadeiras, escenario, camerinos, zonas de control… Ao remate de cada actuación, volverase a desinfectar.
A asistencia a todos os espectáculos é de balde, mantendo así a política festiva do Concello de Pontevedra. A entrada ao recinto abrirase unha hora antes para que as persoas que queiran asistir poidan facelo con tranquilidade, sen aglomeracións e garantindo as medidas hixiénico-sanitarias marcadas. En todos os espazos escénicos haberá unha única porta de entrada. 

O público deberá pasar, primeiro, por unha alfombra húmida (con produtos desinfectantes) e a continuación por unha alfombra seca. Deberán levar máscara, limpar as súas mans con hidroxel e seguir, en todo momento, as indicacións do persoal de seguridade e dos acomodadores que haberá no espazo acoutado. 

Os espectáculos durarán unha hora. O público asistente deberá permanecer sentado todo o tempo, agás para abandonar o recinto. 

Ao remate, a Concellaría habilitará dúas saídas en cada un dos espazos, que estarán en lugares opostos á entrada.