Rexistro e Padrón volverán a Michelena 30 na segunda quincena de agosto

47
  • A reforma da planta baixa das dependencias municipais suporá “un antes e un despois” na atención ao público
  • Dará cabida a 12 postos de traballo, que prestarán servizo  baixo cita previa, atendendo ás distancias requiridas e con fluxos de circulación diferenciados

A concelleira de Persoal, Carme Fouces, fixo esta mañá unha visita ás obras de reforma da planta baixa das dependecias municipais de Michelena 30, onde confirmou que a data prevista para volver trasladar os servizos de Padrón de habitantes, Rexistro e Información xeral a estas dependencias será na contorna do 15 de agosto. 

Fouces indicou que a reforma acometida neste espazo suporá “un antes e un despois do que era a atención ao cidadán por parte do Concello” e salientou que “salta a vista que agora temos unhas instalacións moi modernas, actuais, funcionais, depuradas, ben pensadas e con todo perfectamente deseñado”. Tamén explicou que nesta planta se ubicarán 12 postos de traballo que atenderán ao público baixo o sistema de cita previa. O deseño do espazo atende ás distancias esixidas tanto entre postos de traballo como entre traballadores e traballadoras municipais e público, e estableceranse fluxos de circulación que faciliten tanto a atención como as medidas de prevención. Ademais, tal e como estaba previsto, habilitaranse dúas entradas diferenciadas: unha para os servizos de Rexistro, Padrón e Información xeral; e outra, con control de acceso, para o resto de dependencias municipais.

Carme Fouces lembrou que “tiñamos unha programación de mellora e de modernización da Administración cunha planificación a catro anos pero a pandemia fixo que pisaramos o acelerador e unha das cuestións que máis urxía era a adaptación dos postos de traballo e a seguridade das persoas que veñen ao Concello facer os seus trámites”. Así, a reforma da planta baixa de Michelena 30 vén sumarse ás novas instalacións municipais de Ferreiros, a onde se trasladaron as áreas relativas a Tesouraría e Urbanismo a comezos do mes de xuño, e que sumarán, a partires de setembro, a reforma da segunda planta de Michelena 30, onde se ubica o Servizo de Intervención. 

As obras de reforma da planta baixa de Michelena 30 iniciáranse o pasado mes de maio e foron adxudicadas á empresa Dapercons por un orzamento de 164.560 euros