A animación itinerante volve ás rúas de Pontevedra co programa ‘A Rebulir!’

31
  • Terá formato de pasarrúas para evitar aglomeracións e inclúe dous pases diarios durante cinco días

Entre o luns 3 e o venres 7, as persoas que paseen pola zona vella de Pontevedra á tardiña poderán atoparse con algún dos espectáculos de animación itinerante do programa ‘A Rebulir’. Trátase dunha proposta mediante a cal o Concello recupera a animación de rúa durante a programación de verán adaptada ás novas circunstancias de prevención e seguridade esixidas tras a aparición da pandemia. 

A concelleira de Festas, Carme da Silva, acompañada de Serxio Rodríguez, integrante da compañía Troula Animación, presentou este programa asegurando que o percorrido exacto de cada pasarrúa non se fará público con antelación porque a idea é que as persoas que se encontren na rúa nese momento se atopen co espectáculo. O percorrido, en todo caso, centrarase nas rúas peonís do centro histórico e do ensanche e está programado un espectáculo ás 20h e outro ás 21h cada un dos días.

Ao igual que ocorre co resto dos programas de ‘Pontevedra vívese’, este tamén está composto única e exclusivamente por grupos e compañías pontevedresas e galegas. Trátase de propostas que incorporan danza, circo, aéreos, percusión ou pirotectnia pero nesta edición evitaranse as paradas e a interacción co público.  

Programa A Rebulir!

3 de agosto 

  • 20:00h. Por que é salgada o auga do mar? Os Quinquilláns
  • 21:00h. Mezzo. Pista Catro

4 de agosto

  • 20:00h. Baixo o mar. Rivel Animación
  • 21:00h. Fantasía. Kepler T&T

5 de agosto

  • 20:00h A gran viaxe. Inventi Teatro
  • 21:00h. Lume. Troula Animación

6 de agosto

  • 20:00h A musicleta e os instrumentos máxicos. Pulpiño de Viascón
  • 21:00h. Ruada Animal. Armonium

7 de agosto

20:00h O séquito do capitán Nemo. Barafunda

21:00h. Tricirco. Pablo Méndez Performance

Protocolo Covid-19
Todas as actuacións de escenario estarán acoutadas, aforadas e co público sentado en función do número de cadeiras que permita cada espazo escénico distribuído pola cidade e os barrios. O aforamento está determinado por estudos previos realizados pola Concellaría de Festas, que xestiona Carme da Silva, atendendo aos distintos decretos ditados polas administracións estatal e autonómica. 

Os 13 espazos escénicos serán previamente desinfectados: cadeiras, escenario, camerinos, zonas de control… Ao remate de cada actuación, volverase a desinfectar.
A asistencia a todos os espectáculos é de balde, mantendo así a política festiva do Concello de Pontevedra. A entrada ao recinto abrirase unha hora antes para que as persoas que queiran asistir poidan facelo con tranquilidade, sen aglomeracións e garantindo as medidas hixiénico-sanitarias marcadas. En todos os espazos escénicos haberá unha única porta de entrada. 

O público deberá pasar, primeiro, por unha alfombra húmida (con produtos desinfectantes) e a continuación por unha alfombra seca. Deberán levar máscara, limpar as súas mans con hidroxel e seguir, en todo momento, as indicacións do persoal de seguridade e dos acomodadores que haberá no espazo acoutado. 

Os espectáculos durarán unha hora. O público asistente deberá permanecer sentado todo o tempo, agás para abandonar o recinto. 

Ao remate, a Concellaría habilitará dúas saídas en cada un dos espazos, que estarán en lugares opostos á entrada.