O Concello arquiva sine die o estudo da valoración do cadro de persoal e da relación de postos de traballo

18
  • A incertidume derivada da Covid-19 e o cambio de prioridades que supuxo tanto a nivel orzamentario como de organización do traballo, principais motivos da decisión

A concelleira de Persoal, Carme Fouces deu conta na Mesa Xeral de Negociación do pasado 29 de xullo do arquivo do estudo de valoración do cadro de persoas e da relación de postos de traballo. Esta decisión, segundo explicou, está baseada na aparición da Covid-19 que “obrigou a cambiar de súpeto a orde de prioridades e a reformular as axendas en todas partes, no Concello de Pontevedra tamén”.

As relación de motivos que trasladou a concelleira de Persoal para tomar esta decisión son as seguintes:

  1. A incertidume. A pandemia asolagounos nunha incertidume social, incertidume sanitaria e incertidume orzamentaria. A día de hoxe non sabemos como será a financiación dos Concellos nin temos datos da baixada da recadación dos impostos, polo tanto orzamentariamente, non sabemos ao que nos enfrontamos.
  2. Priorizouse a adaptación dos postos de traballo para garantir, na medida do posible, a seguridade sanitaria dos traballadores e traballadoras. As obras e as inversións que estaban previstas para executar en catro anos, ou incluso en máis, houbo que facelas en catro meses, sabendo ademáis, que aínda quedan varias dependencias por mellorar e que deberán ir nunha segunda quenda.
  3. Hai unha enorme mobilización de recursos que non estaba prevista e que pasou a ser proritaria: as axudas ás empresas e ás familias, que probablemente non queden só neste ano senón que han manterse no sucesivo e non sabemos por canto tempo.
  4. Por último, esta pandemia provocou que o estudo da RPT quedara obsoleto, tendo en conta a importancia que adquiriu o teletraballo e a administración electrónica nestes seis meses. Evidentemente trátase dunha novidade que o estudo non recollía e que agora parece imprescindible para sacar adiante o traballo.

Carme Fouces lembrou na xuntanza da Mesa Xeral de Negociación que “o obxectivo deste goberno era aprobar a nova RPT no primeiro semestre do 2020, procurando un apoio maioritario e recollendo algunhas das enmendas propostas polos sindicatos, nun ambiente de negociación máis construtivo froito do esforzo de todos os compoñente da Mesa. Niso estábamos ata marzo, retocando o documento e redactado os informes que faltaban, pero a situación virou totalmente coa pandemia”. Ante esta situación, a concelleira trasladou que “o máis sensato é arquivar o documento e, a partir de agora, traballaremos tendo como base a RPT que hai, facendo modificacións puntuais e dando cumprida conta das sentenzas que temos pendentes de executar”.