O Concello lamenta o retraso que supón unha nova licitación das obras do Hospital Montecelo

11
  • O Goberno municipal agarda que a dilación sexa o máis curta posible “e se aproveite para reconducir tamén outras deficiencias”

Tras coñecerse a noticia de que a Xunta de Galicia decidiu realizar unha nova licitación das obras do Hospital Montecelo, desde o Goberno municipal o concelleiro de Ordenación do Territorio e Mobilidade, César Mosquera lamenta a dilación que supón para o proxecto e para os intereses da veciñanza de Pontevedra, e manifesta que “nunca nos alegramos de que unha Administración cometa erros que supoñan o retraso na execución dun proxecto e menos no caso dunha infraestrutura tan sensible como é o Hospital Montecelo”. Neste sentido, asegurou que espera que esta nova licitación “sexa só un pequeno retraso e se aproveite para reconducir tamén outras deficiencias”, en referencia a que no proxecto do Hospital Gran Montecelo “hai cantidade de cousas que non responden aos parámetros de Pontevedra, como por exemplo a urbanización, e outras  que deixan moito que desexar como as expropiacións ou os estacionamentos”.

“Agardemos que nesta lexislatura que está a piques de comezar, o Goberno galego teña un cambio de actitude e comece a facer as cousas mellor” indicou César Mosquera unha vez coñecido que a Xunta tomou a decisión de volver a licitar as obras baseándoa nunha revisión en profundidade do proxecto. O concelleiro lembrou que nos proxectos que precisan da colaboración entre a Administración autonómica e a municipal, desde o Concello “sempre tratamos de ser o máis transixentes, tolerantes e construtivos para sacar as obras adiante” e cita como exemplo desta colaboración a remodelación da Estación de Autobuses que se está levando a cabo na actualidade.

Sen embargo, desde o Goberno municipal bótase en falta o mesmo tipo de actitude por parte da Xunta noutras ocasións, como por exemplo no trazado da variante de Alba onde había un acordo para facer unha vía aberta e a Xunta presentou o trazado dunha vía pechada que destroza o territorio; nin se entenden acusacións como a da suposta dilación da licenza para a segunda fase do edificio da Xunta en Benito Corbal. En todo caso, César Mosquera espera que na vindeira xuntanza que manteñan Miguel Anxo Fernández Lores e Alberto Núñez Feijoo se aborden este tipo de cuestións e se acheguen posturas para que a opinión e o criterio técnico dos servizos municipais sexan tidos en conta nos proxectos que impliquen a ambas Administracións.