Urbanismo inicia as xuntanzas veciñais para completar o Plan de diagnose de mellora da paisaxe urbana

21
  • O obxectivo é dar a coñecer o plan entre a veciñanza de cara a incorporar posibles achegas e pechar a fase de diagnose no outono
  • Na primeira fase de localización e identificación de elementos que desentoan na paisaxe urbana contabilizáranse un total de 828

O concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, acompañado polo arquitecto Evelio Sánchez, vén de dar comezo á rolda de xuntanzas con asociacións e comunidades de veciños para completar o estudo do ‘Plan de diagnose de mellora da paisaxe urbana’. Trátase da segunda fase do plan, na que se pretende dar a coñecer entre a veciñanza o obxectivo do mesmo e poñer en común os elementos que desentoan en cada barrio, de cara a incorporar posibles novas achegas. 

Así, esta semana o concelleiro mantivo xuntanzas coa Asociación Veciñal Salcedo Norte, coa Asociación Veciñal Eduardo Pondal, e coa Asociación Sociocultural do Burgo. Nas vindeiras semanas está previsto que complete esta rolda de xuntanzas coa Asociacións Veciñais de Campolongo, San Roque e Centro Leste. Toda vez realizadas estas sesións de posta en común, ábrese un período para que a veciñanza comunique aqueles elementos que desentoan na paisaxe urbana dos seus respectivos barrios de cara a incorporalos no Plan e poder completar e pechar a diagnose no outono.  

Nas xuntanzas, Xaquín Moreda e Evelio Sánchez explícanlle aos representantes veciñais as tipoloxías de elementos identificados -medianeiras, valados publicitarios, muros de contención e parcelas de difícil aproveitamento urbanístico- e amósanlle a súa ubicación a través de planos e fotografías. Tras as primeiras xuntanzas, tanto o concelleiro como o técnico están a constatar que moitos destes elementos -os de menor relevancia- pasan desapercibidos para a veciñanza, mentres que os de maior impacto visual, como por exemplo os valados publicitarios ubicados en Salcedo Norte, son percibidos como antiestéticos e mesmo perigosos en condicións metereolóxicas de fortes ventos.

Convén lembrar que o ‘Plan de diagnose de mellora da paisaxe urbana’ foi deseñado pola  Concellaría de Urbanismo para identificar e localizar aqueles elementos que desentoan ou que están mal integrados na paisaxe urbana da cidade. Na primeira fase foron localizados un total de 828 elementos, cifra que podería variar nesta segunda fase de xuntanzas con asociacións veciñais. 

Os elementos identificados agrúpanse nas catro tipoloxías citadas e son tipificados en 5 niveis de relevancia, relacionados co nivel de impacto que cada elemento ten na contorna na que está ubicado. Así, foron identificadas 687 medianeiras, 41 valados publicitarios, 14 muros de contención, e 86 parcelas de difícil aproveitamento urbanístico.