A ordenanza de Mobilidade será sometida a aprobación definitiva no vindeiro Pleno

55
  • Foi aprobada esta mañá pola Xunta de Goberno local, tras o período de exposición pública, e espérase que entre en vigor no mes de outubro

Tras completar o período de exposición pública, esta mañá foi aprobada en Xunta de Goberno a ‘Ordenanza reguladora da mobilidade amable e da utilización dos espazos públicos no Concello de Pontevedra”. O seguinte paso para a súa entrada en vigor será a aprobación no vindeiro pleno, polo que podería estar operativa no mes de outubro.

O concelleiro de Ordenación do Territorio e Mobilidade, César Mosquera foi o encargado de explicar a previsión en canto a tramitación e consecuencias. Sobre a tramitación indicou que “agardamos por coherencia que non teña especial dificultade e que se aprobe por unanimidade no Pleno, máxime cando un dos antecedentes está no Pleno do 11 de maio de 2018 no que se aprobou por unanimidade unha moción do Partido Popular para a redacción dunha nova ordenanza sostible en Pontevedra”. 

Mosquera tamén explicou que o texto aprobado esta mañá pasou o período de exposición pública, que se alongou por mor da suspensión de prazos durante o estado de alarma, e tras informar cada unha das alegacións e achegas recibidas, algunhas foron admitidas parcialmente. 

Respecto das consecuencias, salientou que cando entre en vigor será obrigatorio que todos os vehículos mecanizados, motorizados ou non, circulen pola calzada e deixen de facelo pola beirarrúa. Entrarían neste apartado as bicicletas e os vehículos de mobilidade persoal. En todo caso, asegurou que chegado o momento se realizará “unha campaña para baixar todos estes vehículos á calzada que se anunciará no seu momento”. Tamén citou que o documento dotará de seguridade xurídica as accións da Policía Local á hora de poder regular e sancionar de acordo coas normas recollidas na Ordenanza.

A nivel xeral, a Ordenanza regula cuestións de competencia municipal que se foron implementando en Pontevedra nos últimos anos, como a prioridade dos usos peonís, a circulación e estacionamento de servizos, os dispositivos de calmado de tráfico como son os redutores de velocidade e os pasos de peóns sobreelevados, ou as velocidades máximas permitidas: 10km/h en zonas de preferencia peonil, 20km/h nas rúas urbanas ou de núcleo que carezan de beirarrúas, e 30km/h nas demais vías urbanas e de titularidade do Concello.  

César Mosquera lembrou que a última ordenanza databa do ano 1989 e que estaba moi centrada no vehículo, polo que quedara moi obsoleta e practicamente derrogada toda por normas de ranto superior. Respecto da nova Ordenanza que está a piques de ser aprobada definitivamente tamén lembrou que é  coñecida pola Dirección Xeral de Tráfico, e que está servindo de “inspiración” para a reforma do regulamento estatal de circulación.