Adxudicado o contrato de mantemento de espazos públicos no rural por máis 750.000 euros

24
  • A adxudicación ten un prazo de 3 anos e a previsión é que estea operativo no mes de setembro

Os concelleiros de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, e o de Coordinación do Rural, Alberto Oubiña, deron conta esta mañá na Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizo do estado das obras máis relevantes que se están a realizar en ambos ámbitos. No eido urbano, salientaron o remate da obra de posta en valor da ponte do Burgo, e o avance nas obras da avenida da Coruña e da rúa Loureiro Crespo.

Respecto do rural, Alberto Oubiña deu conta da adxudicación do contrato de mantemento de espazos públicos por un importe de 760.771,53 euros á empresa E.C. Casas. Lembrou que este contrato de sostemento dos espazos rurais “permitirá actuar con maior rapidez, precisión e eficacia naquelas pequenas cuestións, que poden parecer pequenas pero que repercuten en grande medida na vida das veciñas e dos veciños das parroquias”.

O concelleiro explicou que entre as melloras que ofertou a empresa adxudicataria destacan o incremento do espesor da capa de pavimentación e tamén mellorou o tempo de resposta ante as incidencias. O contrato, que se adxudica por un prazo de 3 anos, estará operativo no mes de setembro. Convén lembrar que este contrato posibilitará facer fronte a todas as incidencias e reparacións que sexan necesarias no ámbito rural, o que permitirá atender bacheos, reparacións de pavimentos, sinalizacións horizontais e verticais, pintados, balizamentos, rozas, limpezas, retirada de entullos caídos ás vías municipais ou melloras na rede de augas pluviais, entre outras actuacións.

Actuacións en execución

Tanto o novo contrato de sotemento de espazos públicos no rural como o paquete de obras en execución e adxudicadas amosan segundo indicou Oubiña “a aposta deste goberno polo rural” e insistiu en que “agardamos chegar ao redor de 100 millóns de euros durante estes catro anos de mandato para executar no rural de Pontevedra, nunha aposta clara por dotar ás parroquias de servizos para mellorar a calidade de vida dos veciños e das veciñas”

Na relación de obras no rural en execución, Oubiña salientou as seguintes: 

  • Mourente: núcleo de centralidade dos Campos, que inclúe o Local Social dos Campos, un local para o GDR e unha intervención no vial, cun orzamento de 2.200.000 euros
  • Marcón: parque forestal da Fracha, cun orzamento de 450.000 euros
  • Salcedo: rehabilitación no Birrete, cun orzamento de 40.000 euros
  • Lourizán: actuación no vial Marín Raxo, cun orzamento de 165.000 euros
  • Cerponzóns: calmado de tráfico en A Costa e Cunchidos, e mellora de drenaxes en A Meán, Vigario e Leborei.
  • Campañó: parque forestal de A Tomba, cun orzamento de 370.000 euros

En canto a saneamento, mencionou as seguintes:

  • Verducido, no lugar de Covadaspera 
  • Santo André de Xeve:, nos lugares de Filgueira e O Couso.
  • Campañó, no lugar de Moldes
  • Mourente, no ugar de Eirós, onde tamén se está acometendo o abastecemento

Obras de abastecemento en execución: 

  • Bora, no lugar de Leirados e A Igrexa
  • Marcon, no lugar A Ermida e A Cardosa
  • Lourizán, no lugar O Regueiriño
  • Salcedo, no lugar A Cancela e A Carballa

En canto á relación de obras adxudicadas, destacou o núcleo de centralidade de Tomeza, cun orzamento de 460.000 euros.

En canto ás obras xa rematadas, mencionou as melloras de accesibilidade e calmado en Tomeza, o acceso a Matalobos-Raíña da Paz en Salcedo, a substitución de alumeado a Led en Lourizán, o muro de sostemento do vial de acceso a Sobral en Santo André, a rehabilitación superficial do vial de Leborei en Cerponzóna e a adaptación nos repetidores de TDT de Verducido, Santo André e Santa María de Xeve,  e A Canicouva (en vindeiras datas adaptarase o de Bora)