Intervención na inauguración da Ponte do Burgo

21

Martes, 4 de agosto de 2020

Esta noite escribimos un novo fito na historia desta cidade: o da recuperación do perfil orixinal da ponte do Burgo. Porque a obra que hoxe remata nón é máis que un tributo e unha homenaxe á preservación dun emblema fundamental da nosa identidade como pontevedreses e pontevedresas.

A ponte do Burgo é a nosa ponte primixenia, a que nos dá nome. A que durante máis de 800 anos propiciou o tránsito e a conexión da cidade co exterior, mais tamén a que fomentou o achegamento intercultural e a disolución de fronteiras, e a que foi facendo camiño de fraternidade e concordia.

Nos inicios, historia e lenda van da man no nacemento dunha ponte romana da que apenas quedan vestixios. Entre as primeiras referencias documentadas temos fitos como a sinatura, no ano 1165, da Paz do Lérez entre os reis Fernando II de Galiza e Alfonso I de Portugal sobre a denominada naquel entón ‘a ponte vella’. A ponte do século XII que contaba 15 arcos foise adaptando ás necesidades loxísticas e comerciais dunha Pontevedra medieval que era un centro fundamental do comercio marítimo. No século XIV a ponte queda con

14 arcos e no XVI con 12, ao construírse un novo malecón para aumentar o calado do peirao. No XVIII é ensanchada e pasa de 4 a 6 metros, no XIX substitúese o petril de pedra por unha baranda metálica e a comezos do XX muda a lousa da calzada por lastro, é ensanchada ata 7,5 metros e queda en 11 arcos. En 1954 chega a gran reforma para ensachala ata algo máis de 11 metros atendendo ás necesidades do tráfico motorizado, para o que fora preciso engadir viseiras e construír tallamanes de formigón para soportar a nova estrutura.

A ponte do Burgo carrega sobre os seus oito séculos de vida todo un ronsel de avatares, os propios de cada etapa histórica que lle tocou vivir. Nestes comezos do século XXI, convertida Pontevedra en referencia mundial de modelo urbano sustentable que reinvidica os espazos públicos para as persoas, a ponte do Burgo tamén merece facer parte activa desta forma de concibir, e de vivir, a cidade.

A ponte do Burgo do século XXI muda de pel para reforzar a súa dupla función de elemento de tránsito e de punto de encontro. Así, será a un tempo un mirador privilexiado sobre o río, un treito que continúa a senda fosforescente que o Camiño vai marcando no seu paso pola cidade, e un espazo acondicionado para acoller tanto a vida diaria da veciñanza como novas citas culturais, deportivas e de lecer.

Todo grazas a unha obra exemplar e respectuosa co patrimonio e co medio, que dotou á ponte non só dunha nova funcionalidade senón tamén de novos elementos acordes cos estándares de redución da contaminación lumínica e de emisión de fluxos luminosos. Á

intervención no taboleiro súmaselle a substitución dos báculos do pasado século por unha varanda deseñada especialmente para integrar unha parte fundamental do alumeado, de menor densidade lumínica e enfocada a unha acción máis homoxénea sobre a superficie peonil da ponte. Unha intervención que atende tanto á funcionalidade para as persoas que a imos utilizar como á responsabilidade que, como Administración, temos na loita contra o cambio climático e a prol do futuro do planeta.

A ponte do Burgo do século XXI adopta, por tanto, unha nova fisonomía modelada pola luz. Neste tempo histórico caracterizado pola hipertecnificación, escollemos os avances da tecnoloxía lumínica para poñelos ao servizo desta infraestrutura histórica.

Mais para facelo foi necesario recorrer á tecnoloxía de vangarda. As solucións tecnolóxicas que se precisan nunha contorna cunhas condicións específicas nas que conviven o salitre, a humidade e o vento, que ademais non sexan contaminantes e que non perturben a estructura da ponte con cableados nin armarios eléctricos, non as atopamos en ningún lugar do mundo que non fose Pontevedra. Grazas a unha empresa da nosa cidade como Setga, punteira e de vangarda a nivel internacional, a ponte do Burgo do século XXI é unha ponte de luz marca Pontevedra.

O proxecto de iluminación que hoxe inauguramos é coma unha minuciosa e delicada obra de orfebrería tecnolóxica que nos permite, ademais, realzar a riqueza arquitectónica da traza ponte, das súas formas e volumes.

Se tal e como dicía o enxeñeiro David Barnard Steinman “as pontes simbolizan ideais e aspiracións da humanidade”, a ponte do Burgo simboliza o relato emocional dunha Pontevedra que sempre mantivo o seu carácter de cidade hospitalaria, xenerosa e acolledora e que, nas últimas décadas, incorpora tamén o ideal de referente en mobilidade e deseño urbano a nivel mundial.

Que a ponte do Burgo deste século, co seu perfil de pedra e luz, siga iluminado novos fitos no futuro.

Moitas grazas