As miradas da veciñanza pontevedresa sobre o confinamento recalan na Alameda

20
  • A mostra ‘Memoria dun confinamento. Pontevedra 2020’, que recolle 60 fotografías, poderá visitarse a partires do luns e permanecerá aberta ao público durante un mes
  • No mesmo espazo e durante as mesmas datas, tamén se exhibe ’60 días de alarma’, unha selección de 30 fotos do fotoxornalista Ramón Leiro

O vindeiro luns, 10 de agosto, ás 19h inaugurase a mostra ‘Memoria dun confinamento. Pontevedra 2020′ que recolle as 60 fotografías que concorreron a este certame, aínda que o protagonismo recae nas 15 fotos seleccionadas por un xurado especializado, por considerar que son as que mellor documentan o impacto e a pegada dunha situación que permanecerá para sempre na nosa memoria colectiva. Esta exposición convivirá, no mesmo espazo e durante un mes, coa mostra ’60 días de alarma’ do fotoxornalista de La Voz de Galicia, Ramón Leiro.

As 15 fotografías seleccionadas corresponden a veciños e veciñas de Pontevedra, con idades comprendidas entre os 9 e os 67 anos, e que achegan a súa mirada persoal sobre  situacións comúns daqueles días insólitos, entre as que predominan paisaxes e rúas baleiras e xestos de ánimo e solidariedade.

Mentres, a mostra de Ramón Leiro está composta por 30 fotografías que documentan os dous meses do estado de alarma desde a perspectiva da práctica profesional do fotoxornalismo. Así, ’60 días de alarma’ permite facer un percorrido por varios momentos representativos daqueles meses como foi o traballo do persoal sanitario ou dos supermercados, o traballo voluntario e asistencial de Protección Civil, as ‘festas’ veciñais desde os balcóns ou as primeiras saídas autorizadas con nenos e nenas.

O certame fotográfico ‘Memoria dun confinamento. Pontevedra 2020’  fora convocado pola Concellaría de Cultura con motivo do Día das Artes Galegas (instituído o 1 de abril pola Real Academia Galega das Artes), co obxectivo de conxugar a posta en valor da arte, a participación activa da veciñanza, e a execepcionalidade do día a día que se viviu durante os meses de confinamento. Entre as 60 fotos recibidas, un xurado composto pola xestora cultural e directora de Cultura da Deputación, Paula Cabaleiro, o comisario Ramón Rozas e o profesor de Belas Artes e especialista en fotografía e imaxe dixital, Fernando Salgueiro, seleccionou as 15 que protagonizarán a mostra na Alameda.