O Concello licita o alumeado de Nadal, Entroido e Festas de verán por 200.000 euros

8
  • O importe increméntase en 25.000 euros respecto ao presente exercicio, e a suba vai destinada integramente ao alumeado de Nadal
  • O alumeado de Nadal incrementarase en 30 elementos decorativos máis e permitirá chegar a máis rúas e máis prazas

A Xunta de Goberno local aprobou esta mañá o expediente de contratación do subministro e instalación do alumeado festivo para o Nadal 2020, Entroido 2021 e Festas de Verán 2021. 

Desta licitación deu conta a concelleira de Festas, que actuou como portavoz do Goberno, Carme da Silva, quen explicou que o orzamento de contratación ascende a 200.000 euros divididos en tres lotes: o primeiro corresponde ao alumeado de Nadal e ascende a 140.000, o segundo é o de Entroido con 20.000, e o terceiro corresponde ás Festas de verán con 40.000.

Tamén indicou que, con respecto ao alumeado do presente exercicio, o importe destinado a este contrato se incrementa en 25.000 euros e que este incremento se destina ao alumeado de Nadal. A este respecto, asegurou que “este ano pensamos que, se a evolución epidemiolóxica permite ter unha celebración de Nadal adaptada á situación sanitaria na que estamos, é importante reforzar o alumeado de Nadal como apoio tanto ao ambiente festivo como ao comercio local e á economía local, pero sen esaxerar e sen que converta nun problema ambiental”.  

Así, a previsión é que o alumeado de Nadal se incremente en 30 elementos máis, de cara a reforzar a decoración de árbores e arcos, e que permita chegar a máis rúas e a máis prazas.