A V Festa do Atletismo Galego reunirá o venres en Pontevedra a varios dos mellores atletas de España

29
  • O evento terá lugar no CGTD a partir das 19.30 horas, contará coa participación de 100 deportistas, 40 deles de categorías sub-16 e cadete, desenvolverase sen público e retransmitirase por Youtube
  • Tino Fernández salienta o esforzo do Club Rías Baixas “por recuperar certa normalidade” e Gonzalo Méndez asegura que 30 persoas velarán polo cumprimento do “inaudito” protocolo da Xunta

As lanzadoras de xavelina Arancha Moreno e Lidia Parada; os saltadores de lonxitude Jean Marie Okutu, Javier Cobián e Daniel Solís; o velocista Mauro Triana; a saltadora de altura Saleta Fernández, e a saltadora de valos Lucía Ferrer, son algúns dos atletas da elite nacional que o venres estarán no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra para competir na V Festa do Atletismo Galego, organizada polo Club Atletismo Rías Baixas e a Concellería de Deportes en colaboración coa Deputación Provincial, o Grupo Jim Sports, Dibay Eventos, a Federación Galega de Atletismo e a Real Federación Española de Atletismo. O evento, presentado esta mañá polo tenente de alcalde, Tino Fernández; o presidente do Club, Gonzalo Méndez, e o delegado da FGA en Pontevedra, David Ferrer, dará comezo ás 19.30 horas, desenvolverase sen público, contará coa participación de 100 deportistas (40 deles nenas e nenos de categorías sub-16 e cadete) e será retransmitido por internet dende a canle de Youtube de Atletismo Rías Baixas.

Tino Fernández lembrou que esta V edición da Festa do Atletismo Galego “está mediatizada polas circunstancias da Covid-19, o que obriga a celebrala cun formato diferente ao doutros anos”, e agradeceu ao club pontevedrés “o seu enorme esforzo por recuperar certa normalidade no desenvolvemento da actividade física”. En opinión do concelleiro de Deportes, aínda que o Concello de Pontevedra “está sendo moi prudente para evitar situacións non desexadas, pouco a pouco teremos que empezar a fixar premisas e conceptos para recuperar a normalidade da actividade física”. “Non podemos estar sen facer actividade física, xa que a propia OMS entende que é un factor fundamental para a saúde. Este tipo de eventos pode animar á organización doutros. Agardemos que a situación vaia a mellor”, sinalou o edil socialista.

Gonzalo Méndez asegurou que esta proba “é a máis importante que se vai celebrar a nivel nacional no mes de agosto”, tendo que cumprir cun protocolo “inaudito” imposto pola Xunta de Galicia. Segundo constatou, unhas 30 persoas velarán polo estrito cumprimento das medidas de seguridade, “polo que case haberá a mesma xente axudando que competindo”. Non haberá público e só poderán acceder ao recinto aquelas persoas que conten con acreditación (que tanto medios de comunicación como adestradores e titores poderán solicitar a través da dirección de correo electrónico atleriasbaixas@gmail.com). Haberá unha carpa habilitada para que fotógrafos e xornalistas poidan realizar o seu traballo.

Un protocolo rigorosísimo

Entre as rigorosísimas normas que se terán que implementar este venres inclúese a prohibición de que haxa xente rodeando a pista, o emprego de máscaras de usar e tirar tanto no quecemento como no acceso dos atletas ata a liña de saída, a celebración de probas nas que unicamente se poida correr de xeito individual (por rúas) e o establecemento dun número máximo de atletas por proba: 5 homes e 5 mulleres en salto de lonxitude e lanzamento de xavelina; 6 atletas en salto de altura; 7 deportistas entre as dúas carreiras de 110 metros valos, e 8 no resto de carreiras. 

Gonzalo Méndez amosouse moi satisfeito de que, a pesar das dificultades que a Covid-19 está a motivar para os deportistas á hora de viaxar, se conseguise “unha participación excepcional, con moitos dos mellores atletas de España, dos que ademais temos a sorte de ter varios en Galicia”. O presidente do Club Atletismo Rías Baixas criticou que a Xunta estea a deixar fóra dos seus protocolos aos nenos e nenas de categorías sub-16 e inferiores, “cando son os que máis o precisan”, correndo o risco “de que poidamos perder unha xeración enteira”. “Non os deixan competir cos maiores -apuntou- e, polo tanto, competirán en carreiras separadas. Para nós é un éxito total que poidan participar atletas menores, que ademais serán a metade dos inscritos. Non podemos limitar a participación do noso futuro nacional”.

Méndez indicou que, a pesar de que a Festa do Atletismo non se poida seguir no CGTD, a xente poderá vela “cunha calidade estupenda a través de internet no seu portátil, tablet ou teléfono móbil”. A súa intención é que, unha vez que a situación sanitaria estea baixo control, “o ano que vén, coincidindo coas Festas da Peregrina e o Ano Xacobeo, se organice un evento espectacular”.