Eva Vilaverde: “Seguiremos coa programación das Festas como ata o de agora e co protocolo de seguridade activo”

446
  • A concelleira de Protección Cidadá destaca, con carácter xeral, o comportamento responsable das persoas que están participando nas actividades festivas organizadas polo Concello 
  • O protocolo establecido para evitar aglomeracións nas marxes dos espazos acoutados para os concertos, tan só tivo que ser aplicado en dúas ocasións puntuais

A concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde, informou esta mañá sobre a aplicación do protocolo de seguridade para evitar aglomeracións durante as actuacións das Festas, que se aplicou onte no concerto que tivo lugar na praza de España. Eva Vilaverde indicou que este protocolo, establecido entre o Servizo de Festas e o Servizo de Protección Cidadá, “está activo durante todas as festas e onte aplicouse, por segunda vez, sen maior relevancia”. Neste sentido, salientou que “estas festas están sendo un exemplo de como se poden facer as cousas en termos de seguridade, polo tanto seguiremos co protocolo activo e coa programación de festas como ata o de agora”.

A concelleira explicou que “cara o remate do concerto de onte, o persoal de control de aforos do Servizo de Festas estimou que se estaba aglomerando demasiada xente ao redor do que é o recinto previsto para o evento, e o que fixo foi avisar á Policía Local que activou este protocolo de seguridade”. Tendo en conta que o concerto estaba no remate, deuse por concluído e prodeceuse a desaloxar a praza, primeiro ás persoas que estaban fóra do espazo acoutado, e posteriormente as que permanecían na zona habilitada con cadeiras. Esta intervención realizouse, segundo indicou Eva Vilaverde “para que a saída da xente do recinto non dese lugar a máis aglomeracións”.

A concelleira tamén informou que todas as persoas que estaban alí, tanto dentro como fóra do espazo acoutado para a actuación, levaban a máscara posta. Tan só unha persoa non cumpría este requisito, polo que foi denunciada.

No relativo ao funcionamento dos protocolos de seguridade, Vilaverde afirmou que “seguiremos na liña que levamos durante todas as festas e actuarase sempre que se considere que poida haber algún perigo”. 

En canto ao balance xeral das Festas en termos de seguridade, explicou que apenas se produciron incidentes, sendo a intervención de onte a segunda en todas as Festas (a anterior tivo lugar a semana pasada nas pistas de Campolongo durante o concerto de De Vacas). Por último, Eva Vilaverde tamén aproveitou para agradecer, unha vez máis, o comportamento responsable da sociedade a nivel xeral. “Estamos gratamente sorprendidos da responsabilidade da xente e eu quería aproveitar este momento para dicirlle a todas as persoas que están asistindo a acticidades programadas polo Concello que siga sendo igual de coidadosa e que siga actuando con responsabilidade como fixo ata o de agora, que nos vai a todos niso e temos que seguir nesta liña” asegurou.

Protocolo Covid-19 nos espazos acoutados
Convén lembrar que todas as actividades e actuacións de escenario están acoutadas, aforadas e co público sentado en función do número de cadeiras que permite cada espazo escénico distribuído pola cidade e os barrios. O aforamento está determinado por estudos previos realizados pola Concellaría de Festas, atendendo aos distintos decretos ditados polas administracións estatal e autonómica. 

Os 13 espazos escénicos son previamente desinfectados: cadeiras, escenario, camerinos, zonas de control… e ao remate de cada actuación, vólvense desinfectar.
En todos os espazos escénicos hai unha única porta de entrada. O público debe pasar, primeiro, por unha alfombra húmida (con produtos desinfectantes) e a continuación por unha alfombra seca. Deben levar máscara, limpar as súas mans con hidroxel e seguir, en todo momento, as indicacións do persoal de seguridade e dos acomodadores que hai no espazo acoutado. 

Os espectáculos duran unha hora. O público asistente debe permanecer sentado todo o tempo, agás para abandonar o recinto. Ao remate, habilít anse dúas saídas en cada un dos espazos, en lugares opostos á entrada.