A reforma do parque de Pasarón será deseñada ‘á carta’ polos veciños e custará máis de 200.000 euros

77
  • A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural instalou uns carteis nas inmediacións da zona de xogo para animar á cidadanía a participar coas súas ideas, propostas e comentarios
  • O edil Iván Puentes asegura que a accesibilidade será un elemento esencial e que o seu departamento xa recibiu unhas 50 propostas “con algunha achega que é case como un anteproxecto técnico”

O parque da rúa Luís Otero e a súa área de xogos infantís, situados nunha zona de grande expansión e crecemento poboacional da cidade, son dos máis antigos de Pontevedra e, a pesar dos recentes traballos de limpeza e desinfección realizados pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, atópanse nestes momentos nun estado bastante deteriorado. Por este motivo, o concelleiro responsable do departamento municipal, o socialista Iván Puentes, está decidido a priorizar a execución dun proxecto de reforma integral “en cuxa redacción se vai implicar especialmente aos veciños, para que poidan axudarnos a deseñalo ‘á carta’ en base aos seus desexos e necesidades”.

Este convite á participación social fíxose público hai uns días coa instalación, no propio parque de Pasarón, duns carteis nos que se anima á veciñanza a achegar ideas, propostas, necesidades e comentarios para a reforma. A resposta non deixou esperar e, en apenas unha semana, o Servizo de Parques e Xardíns recibiu xa unha decena de correos electrónicos cunhas 50 propostas. “Algunhas delas -salienta Iván Puentes- son case como anteproxectos ou pregos técnicos, acompañados con exemplos e fotografías, o que sen dúbida será de moita utilidade para a redacción do proxecto que temos en marcha”.

En opinión do concelleiro, “o proceso de deseño e concepción dos espazos nos que se desenvolve a vida da cidadanía, e en particular nos da rede do Verde Urbano, deben atender as necesidades vitais e as dinámicas sociais que acontecen nos barrios”. A súa intención consiste en “coñecer de primeira man, das persoas que usan e viven en cada zona da cidade, o xeito en que fan uso destes lugares e as súas necesidades e inquedanzas de cara a lograr espazos de máxima calidade, tanto en aspectos de deseño paisaxístico e calidade dos materiais como dende o punto de vista do fortalecemento das dinámicas sociais e comunitarias”.

“Os veciños teñen á súa disposición a dirección de correo electrónico ‘verdeurbano@pontevedra.eu’ -aclara o edil do PSOE- para que poidan enviar as súas propostas de reforma do parque da rúa Luís Otero, que serán recollidas e analizadas polo equipo redactor do proxecto”.

A obra sairá a licitación nos vindeiros meses

Tal e como explica Iván Puentes, “unha vez que remate esta fase de redacción e cando se conte cun anteproxecto, este será exposto e consultado diante da veciñanza do contorno de Pasarón antes de proceder á licitación do proxecto definitivo”. O concelleiro de Medio Natural prevé que a obra poida saír a licitación “nos vindeiros meses”, por importe “superior aos 200.000 euros”. 

Segundo subliña Puentes, a accesibilidade das persoas con diversidade funcional, tanto dende o punto de vista de acceso ao recinto de xogos como do propio uso dos mesmos, “será un elemento esencial na reforma do parque de Pasarón”. Do mesmo xeito, a Concellería quere acadar un contorno seguro para o desenvolvemento do lecer infantil, dun xeito libre e educativo, así como no que atinxe ás condicións sanitarias e de prevención da Covid-19 para as persoas usuarias.

Nas pasadas semanas, o departamento que dirixe Puentes realizou unha limpeza e desinfección en profundidade de todo parque, que incluíu o baleirado da súa fonte e unha nova desratización deste espazo verde. Entre os investimentos efectuados para manter este contorno nas mellores condicións posibles mentres non se executa a súa reforma integral figuran unha achega de máis de 3.500 euros para diversos arranxos e outra de 5.750 euros para unha medición topográfica previa á redacción do proxecto de mellora.