Sede pechada e control estrito no perímetro dos circuítos do Campionato de España de Triatlón

50
  • O operativo de seguridade non permitirá acceder á zona onde se efectúan as saídas, chegadas e transicións das probas 
  • No perímetro dos circuítos das probas esixirase distancia social e uso de máscaras, e a recomendación xeral é seguir o desenvolvemento do Campionato por streaming

A concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde, acompañada polo responsable de Mobilidade e xefe en funcións da Policía Local, Jesús Cal, presentaron esta mañá o operativo de seguridade para o desenvolvemento do Campionato de España de Triatlón. Será, en palabras de Eva Vilaverde un campionato que se desenvolva en “circunstancias excepcionais e polo tanto as medidas tamén teñen que ser excepcionais”.

A concelleria asegurou que “aínda que temos experiencia na organización de eventos destas características, o certo é que para Pontevedra é un novo reto porque é a primeira vez que se vai celebrar unha proba deportiva desta envergadura nestas circunstancias e temos que ter claro que o desenvolvemento e a organización ten que variar e temos que ter un conta moitas outras variables”.

Entre as novidades principais sinalou, tal e como xa se adiantara onte na presentación deportiva do campionato, que se limitará o máximo posible a presenza de público, establecerase un circuíto pechado e recoméndase seguir o desenvolvemento das probas a través de streaming. En todo caso, establecerase unha sede pechada permanente entre a rotonda da ponte dos Tirantes e parte da avenida Bos Aires (dirección Monte Porreiro) a onde só se poderá acceder baixo acreditación. Durante a realización das probas, a sede pechada ampliarase a toda a contorna da rotonda e á totalidade da ponte dos Tirantes, polo que o público non poderá acceder aos lugares nos que se realizan as saídas, chegadas e transicións das probas.

O dispositivo de seguridade e mobilidade inclúe os seguintes aspectos:

Plan de estacionamento:

  • na área na que se desenvolverán os tres circuítos (proba de natación, carreira a pé e proba ciclista) xa se realizou un buzoneo informando da necesidade de retirar os coches da rúa. 
  • a partires das 15h deste xoves comezarase a retirar os coches na avenida de Bos Aires
  • a partires das 5h do venres retirararanse na contorna da feira e da rúa Rafael Areses
  • a partires das 22h do venres retiraranse da contorna do recinto Feiral e Pazo da Cultura, do campus universitario e un tramo da avenida de Compostela

Mobilidade xeral: 

  • permitirase o acceso a residentes e vehículos autorizados (por exemplo para negocios) a través de varios puntos sinalizados e controlados pola Policía Local
  • na zona do mercado municipal e do centro histórico permitirase a circulación sen restricións
  • a ponte de Santiago só terá habilitado un carril e será en dirección saída da cidade
  • a rúa Luis Otero cambiará de sentido para facilitar a saída cara a avenida da Coruña ou cara Médico Ballina
  • a entrada e saída a Monte Porreiro poderá facerse pola Ponte das Palabras ou pola rúa da Paloma
  • non se permitira o acceso de camións de alta tonelaxe desde a ponte das Correntes cara a zona dos circuítos

Crossing points:

  • na área dos circuítos das tres probas establécense 12 puntos con controladores para que os peóns poidan cruzar con seguridade e sen interromper as probas

Sedes pechadas:

  • A partir das 15h deste xoves, e ata as 20h do domingo, pecharase a zona da sede permanente, entre a ponte dos Tirantes e Monte Porreiro. 
  • A sede pechada con carácter dinámico ampliarase a toda a contorna da rotonda e á totalidade da ponte dos Tirantes e pecharase entre as 8h e as 20h do sábado, e entre as 8h e as 15h do domingo.
  • A sede pechada permanente terá unha única porta de acceso, esixirase acreditación física e realizarase control facil de temperatura, uso de máscara e lavado de mans con hidroxel a todas as persoas no momento de entrar
  • No río, para dar soporte ás probas de natación, haberá unha embarcación de Protección Civil con patrón e socorrista, unha moto acuática de Bombeiros con piloto e socorrista,  e catro piragüistas e tres socorristas a maiores por parte da organización.
  • O servizo de augas realizará un control previo da calidade da auga e terá un servizo permanente durante a celebración da proba
  • O servizo de limpeza manterá un control estrito e permanente de todo o circuíto, antes e durante a realización das probas
  • Establécese un hospital de campaña dentro da sede permanente, e compleméntase con 3 ambulancias e 2 médicos en moto

Protocolo Covid

Eva Vilaverde explicou que o Concello de Pontevedra “deixou sempre claro desde o principio que non se ía seguir adiante con esta proba se non se garantise a seguridade no  seu desenvolvemento e en especial a seguridade sanitaria”. Unha seguridade que queda recollida nos protoclo Covid deseñado pola Fetri e que pasou o filtro do Ministerio a través do Consello Superior de Deportes e o da Xunta a través da Secretaría Xeral de Deportes . Tamén o Concello comunicou o operativo de seguridade e o protocolo Covid á Consellaría de Sanidade.

“Imos ser estritos e demostrar que se poden realizar probas deportivas ao máis alto nivel con todas as medidas de seguridade que se poden ter” asegurou Eva Vilaverde. Para isto tamén apelou “á responsabilidade e á colaboración da veciñanza de Pontevedra porque todo o que se fixo con éxito nesta cidade foi grazas á colaboración e participación da veciñanza e pensamos que unha vez máis van responder á hora de aplicar as medidas sanitarias”.

Efectivos do dispositivo

  • Control do circuíto: 22 controladores, 3 xefes de sector e 1 coordinador
  • Control da sede pechada: 20 controladores durante as probas
  • Crossing points: 19 controladores para cubrir 12 puntos
  • Policía Local: 5 policías con apoio de 6 moto-volta (non policías)
  • Efectivos de apoio Policía Local: 8 policías en cada quenda
  • A maiores contarase con efectivos da Policía Nacional para o control da seguridade