O Centro de Interpretación da Cidade Medieval estará operativo en 2021

62
  • O Concello vén de contratar a redacción do proxecto, que podería estar rematado a finais deste ano de cara a comezar a executalo no vindeiro
  • Este proxecto museolóxico céntrase na posta en valor dos espazos arqueolóxicos da cidade vinculados á época medieval

O Concello vén de contratar a redacción do proxecto museolóxico para o Centro de Interpretación da Historia da Cidade de Pontevedra por un importe de 17.303 euros, co obxectivo de que estea redactado a finais deste ano e poida comezar a executarse no exercicio 2021. 

A posta en marcha deste proxecto museolóxico fora anunciado polo concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, no último trimestre do pasado ano, mais a súa tramitación viuse afectada por mor da suspensión de prazos derivada do estado de alarma. 

A idea central desta iniciativa radica na posta en valor dos achados arqueolóxicos da cidade, creando contidos específicos, dinámicas e itinerarios para achegalos á sociedade con rigor histórico e artístico. Entre outras cuestións, o proxecto implica adaptar o funcionamento do CITA (Centro de Interpretación das Torres Arcebispais) para reconvertilo no Centro de Interpretación da Cidade Medieval. Así, pasaría a funcionar como un centro de control de todos os achados da cidade, e tamén como centro de recepción de visitantes e punto de saída de roteiros sobre a historia de Pontevedra que programa a Concellaría de Patrimonio Histórico. Os tres puntos fundamentais, tanto dos roteiros como do proxecto de musealización en xeral, son os espazos de Valentín García Escudero, os restos da muralla medieval en Arcebispo Malvar, e o Campiño de Santa María, que se vincularán a través de percorridos interpretativos debidamente sinalizados e con paneis informativos. 

Ademais, tamén está prevista unha actuación para mellorar a visita do xacemento de Valentín García Escudero, de tal xeito que se poidan ver máis e mellor os restos do vello peirao medieval.

Coa entrada en funcionamento do Centro de Interpretación da Cidade Medieval, Pontevedra incrementará a súa oferta cultural e turística dándolle protagonismo a unha época dourada na historia da cidade, centrada nos séculos XV e XVI, momento en que tiña o porto medieval máis importante da Galiza, do cal se conservan as estruturas de Valentín García Escudero; e que na actualidade fan da cidade do Lérez unha singularidade dentro do patrimonio histórico galego, xa que noutras urbes consérvanse elementos romanos ou doutras épocas, pero o pontevedrés é o único peirao medieval galego, vinculado á Ponte do Burgo, elemento fundamental no esplendor comercial da cidade da época.