O Chuso de Catoira emitirá o sábado un programa especial sobre a cidade en directo dende a Alameda

15
  • O espazo, que será difundido nas canles de Youtube e o Facebook do humorista e do Concello de Pontevedra, contará cos concelleiros Yoya Blanco, Tino Fernández e Iván Puentes como convidados
  • O escritor Manel Loureiro e o coordinador da Pontevedra Film Commission, Miguel López, serán entrevistados nun programa que se desenvolverá no Palco da Música a partir das 19:00 horas

A Xira 2020 do carismático humorista O Chuso de Catoira aterrará este sábado 22 de agosto na nosa cidade co obxectivo de emitir un programa especial en vivo e en directo sobre os inxentes recursos turísticos, medioambientais, deportivos, culturais e cinematográficos de Pontevedra. O espazo, organizado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, será retransmitido en ‘live streaming’ tanto no Facebook e a canle de Youtube de O Chuso como nos do propio Concello de Pontevedra (Pontevédrate) e terá como convidados aos concelleiros Yoya Blanco, Tino Fernández e Iván Puentes, así como ao escrito Manel Loureiro e ao coordinador da Pontevedra Film Commission, Miguel López.

O programa dará comezo ás 19:00 horas, desenvolverase dende o Palco da Música da Alameda de Montero Ríos e contará cunha actuación musical ao vivo protagonizada pola Chroma Music Band. Tal e como explica a edil de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, “trátase dunha moi boa oportunidade para dar a coñecer e promocionar turisticamente, sempre co ton xocoso, áxil e humorístico que caracteriza a O Chuso, algúns dos lugares máis fermosos do noso contorno”.

“Eu falarei dalgúns dos meus espazos favoritos, máis aló da Peregrina ou Santa María, así como dalgunhas accións que se levaron a cabo nos últimos tempos como a plataforma PonteLovers (as responsables do proxecto tamén estarán no programa); o meu compañeiro Iván Puentes, edil de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, centrarase en recursos naturais e zonas verdes, dende a praia e as sendas fluviais ou A Xunqueira de Alba ata a posta en valor da propia Alameda de Sesmero, e o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, aproveitará a celebración do Campionato de España de Tríatlon para destacar as virtudes da nosa cidade como sede de eventos deportivos de magnitude nacional e internacional”, sinala Blanco.

Pola súa banda, o prestixioso escritor e xornalista Manel Loureiro será entrevistado polo Chuso sobre a súa última obra, ‘La Puerta’, rematada durante o confinamento, mentres que o responsable da Film Commission, Miguel López, exporá as potencialidades de Pontevedra como ‘estudio cinematográfico’ e falará sobre algunhas pezas audiovisuais rodadas no noso concello, como a película ‘Castelao. De chumbo e verba’.