Control de acceso, cita previa e fluxos de circulación nas novas oficinas de Rexistro e Padrón

190
  • Volven prestar servizo nas dependencias municipais de Michelena 30 a partires das 8:30h do vindeiro luns
  • A reforma do espazo permite prestar atención ao público de xeito máis áxil e atendendo a distancias e medidas de seguridade e prevención do protocolo Covid

Durante a xornada deste venres completarase o traslado dos servizos de Rexistro, Padrón de Habitantes e Atención á Cidadanía, que operaban temporalmente na Casa da Luz desde o pasado mes de maio, á planta baixa de Michelena 30. A previsión é que estes servizos estean plenamente operativos nas ‘novas’ dependencias a partires das 8:30 do vindeiro luns.

As persoas que acudan presencialmente a realizar trámites a partires do luns, deberán acudir con cita previa. Neste momento, o Concello ten habilitados diferentes sistemas de solicitude de cita previa:

  • por internet en https://citaprevia.pontevedra.gal/citaprevia/ ou coa aplicación web https://sucitaprevia.es/miturno/cl/0351007 
  • por teléfono nos números  986100185 e 986804300 
  • presencial na propia oficina de “Atención á Cidadanía” na rúa Michelena, 30 

Na zona de entrada haberá persoal de recepción para realizar o control de acceso, tanto para confirmar as citas de Rexistro e Padrón segundo van chegando como para dar quendas para o posto de Atención á Cidadanía. 

Para confirmar as citas, a maiores do persoal de recepción, tamén se poden utilizar sistemas virtuais, como por exemplo a aplicación web (para citas solicitadas a través da propia aplicación), ou a través da lectura dun código QR que aparece na cartelería nas propias dependencias municipais. Tras confirmar a chegada, a persoa poderá recibir un ticket virtual por sms ou email, ou un ticket físico que imprime o persoal de recepción.

Tanto na zona de acceso como no interior das oficinas están instaladas varias pantallas onde se indica o localizador do ticket e o número do posto ao que debe dirixirse a persoa. Se esa persoa está utilizando a aplicación web tamén recibirá unha notificación cando o seu localizador apareza na pantalla de chamada.

A zona de entrada estará ademais dividida en dous fluxos de circulación, de entrada e de saída, que estarán convenientemente sinalados mediante marcas de distinta cor no solo e delimitados mediante separadores físicos. No interior das oficinas tamén estarán sinalizados os fluxos de circulación con indicadores no solo e todos os postos estarán numerados.

Tras esta reforma, as dependencias de Michelena 30 terán dúas entradas diferenciadas: unha exclusiva para Rexistro e Padrón e outra para o resto de dependencias municipais.