Pontevedra, referente na organización de competicións deportivas coas máximas garantías de seguridade

111
  • A Fetri elaborará un vídeo con imaxes do Campionato de España de Triatlón, celebrado a pasada fin de semana na cidade do Lérez, como exemplo de organización de eventos deportivos ao aire libre

Pontevedra será exemplo de organización de competicións deportivas ao máis alto nivel coas máximas garantías de seguridade nun vídeo que elaborará a Federación Española de Triatlón (Fetri). A portavoz do Goberno municipal, Carme da Silva informou esta mañá que “a Federación o que vai facer coas imaxes desta proba e presentarllas a todas as federacións de deportes ao aire libre como mostra de como hai que organizar un evento  deportivo de participación masiva garantindo todas as medidas de seguridade necesarias”. 

A idea final, segundo indicou Da Silva é demostrar que “non é necesario que a actividade deportiva e que este tipo de campionatos queden parados, senón que se poden facer mantendo todas as condicións de seguridade”. A concelleira fixo fincapé en que o Campionato de España de Triatlón, celebrado esta pasada fin de semana na cidade, se desenvolveu con total normalidade e que contou con preto de 900 participantes inscritos.

Da Silva asegurou que a Federación optou por Pontevedra para acoller este campionato nesta situación epidemiolóxica “para facer un test dada a experiencia que Pontevedra ten na elaboración de eventos extremando moitísimo as medidas de seguridade”

Ademais, aproveitou para trasladar desde o Goberno municipal a felicitación a todas as persoas que participaron, desde distintos ámbitos, no desenvolvemento do campionato, desde as empresas de montaxe e seguridade que traballaron no desenvolvemento das probas ata os propios participantes, pasando polos servizos municipais de Deportes, Policía Local, Protección Civil, e Contratación, e a propia Federación pola confianza depositada en Pontevedra. Por último, a concelleira tamén tivo palabras de agradecemento para a cidadanía en xeral “porque entendeu a importancia de participar dunha forma diferente e observou todas as medidas que se indicaron en cada momento”.